Site icon Crónica3.com A Mariña

O colector do abastecemento de auga a Ribadeo sufriu unha rotura polo mal estado no que se atopa

Nota de prensa

A TUBERÍA XERAL DO ABASTECEMENTO DE AUGA A RIBADEO SUFRIU UNHA ROTURA NA RECTA DE PORTO, COMO CONSECUENCIA DO MAL ESTADO NO QUE SE ATOPA, SEGUNDO VEN DE EXPLICAR O ALCALDE.
Ribadeo, 20 de xuño de 2011. A tubería xeral do abastecemento de auga a Ribadeo sufriu unha rotura na recta de Porto a última hora desta tarde, como consecuencia do mal estado no que se atopa debido á súa antigüidade, segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor, que se desprazou ata o lugar da avaría, lembrou que “hai moito tempo que veño denunciando diante do conselleiro de Medio Ambiente actual e do anterior o estado no que se atopa esta rede que é extremadamente vella. A acometida principal de Ribadeo ven desde o río Eo en Vilarbetote, Trabada, facendo un percorrido duns 25 kilómetros. Hai meses que xa tivemos problemas destas características e en varias ocasións me dirixín de xeito formal, verbal e tamén por escrito á Xunta de Galicia para denunciar esta situación, sen que ata o momento obtivésemos ningún tipo de resposta pola súa parte. O goberno galego non pode deixar descuidado a Ribadeo desta maneira”.
Suárez Barcia asegurou que “afortunadamente hoxe a rotura producíuse nun lugar de acceso fácil, pero si fose na zona de Vilaodriz, por exemplo, poderíamos tardar moito tempo en atopar o lugar exacto e Ribadeo podería quedar desabastecida en cuestión de horas”. O alcalde confirmou que “varios operarios da empresa subministradora de auga, Aquagest, tentarán subsanar ao longo das vindeiras horas esta nova avaría que se produciu na tubería xeral do abastecemento de auga a Ribadeo. O obxectivo é restablecer o servizo canto antes”.
O rexedor dixo que “hai núcleos de poboación como Vilaousende ou Porto, que poderían sufrir deficiencias no subministro de auga ao longo desta tarde, e mañá tamén é posible que se produzan problemas de presión en varios puntos do concello ata que se normalice todo o circuito”.
Fernando Suárez reiterou que “temos unha tubería xeral moi antiga que é preciso cambiar canto antes” e subliñou que “o subministro a Ribadeo depende nun 80% desta tubería”. O alcalde confía que “desde a Xunta sexan sensibles coas necesidades apremiantes que ten o noso concello”.

Exit mobile version