Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo contará con tres tenencias de alcaldía e cinco delegados municipais

Nota de prensa

CERVO DISTRIBÚE AS DISTINTAS CONCELLERÍAS ENTRE OS OITO CONCELLEIROS DO GRUPO DE GOBERNO

Cervo, 17 de xuño de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares confirmou no día de hoxe que os integrantes do grupo do Goberno municipal lévanse reunindo durante esta semana para configurar a distribución das áreas de responsabilidade que asumirán os concelleiros electos do grupo Popular durante esta lexislatura que acaba de comezar.

Deste xeito, Yolanda Pedreira será a encargada da concellería de Educación e Emprego; Tania González Fernández asumirá as áreas de Facenda, Servizos Sociais e Cultura; Begoña Alonso, as de Medio Ambiente, Turismo e Sanidade; José Ramón Soto será o responsable local de Deportes, Protección Civil, Seguridade Cidadá e da zona rural; mentres que Pilar Álvarez encargarase de Xuventude e Igualdade. Pola súa banda o alcalde, Alfonso Villares, asumirá persoalmente as áreas de Obras, Ordenación do Territorio, Réxime Interior e Novas Tecnoloxías.

Así mesmo, Villares tamén deu a coñecer aos elixidos para as tres tenencias de alcaldía de alcaldía que xunto co alcalde conformarán a Comisión de Goberno municipal. Deste xeito, José Manuel Balseiro Orol vai seguir sendo primeiro tenente de alcalde. Neste sentido Villares puntualizou que a pesares de que Balseiro Orol non asume ningunha concellería específica neste arranque de lexislatura “o seu traballo como parlamentario autonómico e membro da Mesa do Parlamento de Galicia está sendo moi importante para o noso municipio e estamos seguro de que así o vai seguir sendo” recalcou. A segunda tenencia de alcaldía é para Yolanda Pedreira, mentres que a terceira tenente de alcalde será Tania González.

Alfonso Villares sinalou que esta distribución das responsabilidades do Goberno municipal de Cervo durante os vindeiros catro anos veñen fixadas atendendo ao contido do programa de Goberno co que se presentaron os concelleiros electos do Partido Popular e salientou “a enorme ilusión” coa que afrontan este reto. “Todos nós traballaremos arreo porque é o que nos vai tocar se queremos materializar os compromisos adquiridos coa cidadanía nestes anos difíciles non só para Cervo, se non tamén para o resto de Galicia e do Estado”.

Exit mobile version