Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Lourenzá ten aberto o prazo pra apuntarse nas actividades de verán

Nota de prensa:
O Concello de Lourenzá informa que está aberto o prazo para apuntarse nas actividades que, para os máis novos do Concello, se van desenvolver durante as vindeiras vacacións de verán.

Todos aqueles interesados en participar poden informarse e anotarse dende o luns, 20 de xuño ata o mércores, 30 de xuño na Biblioteca Municipal (OMIX de Lourenzá), en horario de 17:30 a 20 horas.

Na edición deste ano, programouse un Campamento de Verán (tamén denominado “Campamento urbán”) destinado aos nenos de 5 a 13 anos. O mencionado campamento nace coa idea de ofertar as actividades para os máis pequenos, á vez que trata de fomentar a conciliación da vida familiar e laboral das familias durante o período vacacional, xa que as actividades desenvolveranse dende o luns, 4 de xullo ata o luns, 25 de agosto. Serán en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas, e de luns a venres (agás os festivos: 25 de xullo e 15 de agosto), co cal se garante a atención aos rapaces durante a xornada de mañá.

As actividades propostas terán como lugar de referencia a Casa da Xuventude laurentina; aínda que se fará uso das distintas dependencias do Concello para o desenrolo do abano de propostas: Pabillón deportivo, área recreativa da Cazolga, Aula da Natureza, Salón de Actos, Biblioteca, espazos ao aire libre… E dentro da variedade de actividades do campamento, podemos poñer como exemplo, entre outras, as seguintes: xogos de pistas e rastrexo, xogos populares (elaboración dos xogos e xoguetes, así como demostracións cos mesmos), torneos de xogos de mesa, obradoiros con materiais de refugallo e da natureza, actividades etnográficas (como será a visita ao recén recuperado “Muíño da Pereira” en Santo Tomé, onde está previsto poder velo en funcionamento e unha posterior actividade de amasado de pan coa fariña obtida no muíño), dinámicas de presentación e iniciación ao teatro, proxeccións de cine e documentais con sesións de vídeo-fórum posteriores…

Por outra banda, tamén está previsto nos próximos días facer pública a data e o prazo de anotarse para a viaxe ao Parque Acuático (AQUAPARK de Cerceda) que, como vén sendo habitual nos últimos anos, vimos organizando por estas datas estivais.

Exit mobile version