Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo pide á cidadanía colaboración e responsabilidade co medio ambiente

Nota de prensa:

HORACIO CUPEIRO PIDE COLABORACIÓN Á CIDADANÍA PARA QUE SEXA MÁIS RESPONSABLE CO ENTORNO NATURAL. O CONCELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE DENUNCIA QUE ESTES DÍAS ESTÁN A APARECER MOITOS RESIDUOS NAS PRAIAS E NOS ACANTILADOS DA ZONA.

Ribadeo, 30 de xuño de 2011. O delegado de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, pide colaboración a veciños e visitantes para que sexan máis responsables co entorno natural, “xa que do contrario convertiremos o noso planeta nun vertedoiro”. Cupeiro asegura que estes días están a chegar ás praias residuos procedentes dos barcos que tiran o lixo ao mar, pero tamén di que os pescadores e os que van comer aos acantilados deixan moitos residuos neses lugares.

O edil nacionalista contou que “nestes últimos días nos que hai uns ventos predominantes do nordés están a aparecer na nosa costa caixas de peixe, redes, cabos, todo tipo de residuos que sobre todo veñen procedentes de barcos que abandonan e tiran o lixo ao mar. Quero pedir a colaboración de todos aqueles que fan un mal uso da súa responsabilidade como cidadáns en canto ao abandono de todo tipo de envases ao medio marino e pídolles que se cuiden de non voltar a facelo”.

Cupeiro dixo que “a maior parte dos residuos procede, como dicía antes, dos barcos que os tiran ao mar e tamén debo comentar o mesmo dos pescadores que cando van abandonan as caixas do cebo, as bolsas e envases de comida e de bebida e tamén hai xente que vai comer aos acantilados e que deixa tirado o lixo no chan ou en sitios non axeitados… despois todo isto vai parar ao mar e aparecen nas praias”.

O concelleiro de Medio Ambiente subliñou que “durante o verán en Ribadeo haberá oito persoas adicadas exclusivamente á limpeza de todos estes residuos que chegan aos areais, á limpeza dos baños e do entorno para ter da mellor forma posible as nosas praias. Estes días anteriores ao inicio da tempada estival foi o persoal do Grumir o que se encargou de retirar todo o lixo que chegou aos areais de Ribadeo”. Horacio Cupeiro pedíulle á cidadanía que “sexamos todos un pouco máis responsables co noso medio, xa que do contrario convertiremos o noso planeta nun vertedoiro”.

Exit mobile version