Site icon Crónica3.com A Mariña

O fracaso dos bipartitos

Pechado o novo mapa político da Mariña lucense cómpre facer unha reflexión final sobre o máis que probable futuro dos pactos acadados entre PSOE e BNG, isto é, os que se sustentan na creación duns executivos municipais bipartitos, destinados a desvirtuar a vontade popular e a impedir que goberne a opción política máis votada polos veciños.

Como condicións previas e imprescindibles para que un bipartito poida funcionar e ter opcións de futuro deben darse dúas características: Que unha das partes sexa a opción política máis votada -contra o que non cabe nada que dicir- e que existan coincidencias programáticas. Pois ben, os actuais executivos municipais de Viveiro, Mondoñedo e Riotorto non nacen da coincidencia algunha dos partidos que os integran. Nacen da obsesión enfermiza de dúas forzas perdedoras por arrebatar ao Partido Popular a capacidade de xestión -cambio e futuro- desde as alcaldías. Unha estratexia en negativo, na que PSOE e BNG nunca están a pensar nos veciños e nos intereses xerais do concello, só neles mesmos.

Os bipartitos de PSOE e BNG son, todos puidemos comprobalo, unha fórmula caduca e viciada. Obsoleta aos ollos dunha cidadanía que rexeita o xeito de actuar de gobernos divididos, sen capacidade de entenderse, sen capacidade de xestionar, cheos de desconfianza mutua e non exentos de periódicas liortas. Unha fórmula caduca, porque alí onde uniron os seus votos perderon apoio electoral ou foron expulsados do goberno, como aconteceu coa Xunta bipartita ou co bigoberno de Burela.

Tal e como advertimos a estratexia do BNG aboca aos nacionalistas a ser arrastrados polo PSOE de Zapatero e Rubalcaba na súa incesante caída, mentres que aos socialistas obrígalles a estar sempre en mans dun partido que vai camiño de ser residual e que lonxe de mellorar cada día está máis radicalizado. Ao BNG ser socio do PSOE costoulle reducir pouco a pouco máis da metade o seu peso electoral en Galicia, antesala da desaparición.

Sen lugar a dúbidas enrocarse en pactos entre perdedores para manter gobernos municipais supón para os bipartitos un claro prognóstico de fracaso. Será, non cabe dúbida disto, o primeiro paso para que socialistas e nacionalistas perdan esas alcaldías en catro anos. Tan só cómpre laiarse porque nun contexto de crise, de dificultade crecente, os bipartitos de PSOE e BNG supoñan unha nova lexislatura perdida.

Con todo, temos que lamentar que non se escoite á opinión maioritaria do pobo, expresada no sustancial apoio a un partido, a un programa, á unha opción de goberno do PP. Foi o PPdeG quen gañou as eleccións municipais en 232 concellos galegos, case o 75% dos 315 de Galicia Foron os galegos os que decidiron democraticamente poñer en marcha, de novo tras as autonómicas, unha moción de censura virtual á totalidade dos bipartitos configurados en contra da lista máis votada, en contra de todos aqueles que votaron Partido Popular.

Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento de Galicia

Exit mobile version