Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación reivindica a Autoridade Portuaria en Lugo, a autovía Ferrol-Barreiros e “facer lucensismo”

NOTA DE PRENSA
INTERVENCIÓN PRESIDENTE
DISCURSO DE INVESTIDURA

Gómez Besteiro fai un chamamento á unidade da provincia e a “facer lucensismo” na toma de posesión como Presidente

? O máximo mandatario provincial, que revalidou o seu cargo na que é a 9ª Corporación da etapa democrática, afirma que “o cambio continúa en Lugo, xa non ten volta atrás”

? O novo programa de goberno, “coa mesma autoesixencia”, procurará o equilibrio demográfico. As principais liñas serán: máis cooperación cos Concellos, emprego, apertura de residencias e centros de día da Deputación, creación da empresa provincial de turismo, cobertura contraincendios do 100% do territorio, creación da Autoridade Portuaria en Lugo, ampliar o Campus, novos usos para os antigos hospitais, declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas e a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, instar á posta en servizo da autovía –que non corredor- Ferrol-Barreiros, integración do INLUDES na Deputación e redución de asesores dos grupos políticos, entre outras
? O Presidente afirma que “a Deputación non ten medo ós cambios organizativos como a plantexar un novo modo de elección directa nesta administración ou moitos outros” e insta á Corporación a respectar a vontade popular “porque hai que saber gañar e saber perder”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os 24 Deputados que forman a nova Corporación provincial tomaron posesión do seu cargo no Pleno de investidura celebrado este mércores. Este é o segundo mandato que lidera Gómez Besteiro, o primeiro Presidente socialista da historia da institución, logo de que o PSOE obtivese os votos necesarios nos pasados comicios e o apoio dos socios nacionalistas.

Neste senso, o Presidente fixo un chamamento “á unidade da provincia, a construír Lugo: fagamos lucensismo no senso de estimularnos e potenciarnos uns ós outros precisamente porque somos diferentes”, ó tempo que indicou que “grazas ó Pobo de Lugo estamos vivindo un momento histórico e decisivo no futuro da nosa provincia. Histórico, porque o cambio continúa na provincia; decisivo, porque, dende os primeiros pasos, estamos configurando un cambio que xa non ten volta atrás”. Por iso, subliñou que “o noso primeiro deber, o deber de todos e cada un de nós, consiste en interpretar e respectar a vontade popular. Hai que saber gañar e saber perder. É dígoo sen acritude sen políticas de retrovisor que a nada levan”.

En clave de autocrítica política, defendeu que Lugo non pode permitirse no contexto económico actual unha sociedade atomizada: “neste momento, no que o compromiso parece estar en perigo de extinción primando o darwinismo económico, os partidos políticos tampouco podemos estar facendo campaña as 24 horas… ou si… pero entón conseguiremos que os cidadáns nos cualifiquen aínda peor que, como o terceiro problema máis importante do país”. Gómez Besteiro avogou por sumar esforzos xa que “non é aceptable que a metade da mocidade repita que está estudando para o paro, a xente teña que acampar porque teme ó goberno cando o goberno tampouco debería temer á súa xente… ou que a igualdade hoxe se cambie polo igual me dá”.

Ademais de recoñecer o traballo realizado polos anteriores Deputados, felicitar ós novos Alcaldes e ós anteriores Deputadas, así como ó Partido Popular polos resultados obtidos, afrontou publicamente o debate sobre a existencia das Deputacións e suxeriu novos camiños. “A Deputación de Lugo non ten medo a afrontar como moldear o seu futuro máis que acomodarse a ser moldeada polo pasado. Cando un sabe cal é a súa misión non ten medo ós cambios organizativos como, por exemplo, a plantexar un novo sistema de elección directa nesta Administración ou moitos outros”. Demandou un Pacto de Estado ou cando menos unha política de amplo consenso para reorganizar o papel competencial das administracións sen limitarse á cirurxía territorial.

Programa de goberno
O novo mandato estará presidido pola “mesma autoesixencia” que rexiu o programa de goberno levado a cabo durante os catro anos anteriores, e que PSOE e BNG cumpriron seis meses antes do remate. Ademais, repectará o primeiro Plan Estratéxico provincial e procurará o equilibrio demográfico. Neste senso, o decálogo de compromisos de socialistas e nacionalistas son os seguintes:

1º COMPROMISO.- Ratificar como prioridade máxima cooperación e asistencia ós Concellos a través de accións en rede, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico, especialmente no rural. Reclamarase que o Estado e a Xunta manteñan o esforzo inversor para diminuír o desequilibrio territorial, dignificando a actividade agropecuaria como profesión e oportunidade económica para a mocidade e a produtividade do sector. Outra liña de traballo vinculada a este primeiro compromiso é o despregamento da rede da Deputación de residencias e centros de día para a 3ª idade que creará traballo no rural –os denominados “empregos brancos”-, facilitando a calidade asistencial nos Concellos e ingresos ás arcas municipais. A participación do Goberno Galego, tal e como se comprometeu, será imprescindible na concertación das prazas, garantindo o carácter público dos centros e prezos accesibles ós usuarios.

O equipo de goberno traballará para captar novos fondos europeos; impulsar a comercialización de produtos autóctonos; crear a empresa provincial de turismo, combinando os sectores público-privado nun ente único que evite a duplicidade de servizos e racionalice o investimento global; e estendendo a banda longa co Goberno Galego.

2º COMPROMISO.- Empregar todos os instrumentos dispoñibles en prol da creación e mantemento dos postos de traballo, apostando polo sector público como axente fundamental na dinamización económica.

3º COMPROMISO.- Posto en marcha o Consorcio Provincial contra incendios da provincia que saldou unha das débedas históricas que lastraba a seguridade nos municipios, a Deputación co-financiará coa Xunta de Galicia a cobertura do 100% do territorio.

4º COMPROMISO.- Abrir un proceso de negociación co Goberno de España para analizar a viabilidade da creación da Autoridade Portuaria en Lugo, así como a apertura ó tráfico comercial en xeral do dique norte do porto de San Cibrao e, no seu defecto, a cesión á Comunidade Autónoma do mesmo.

5º COMPROMISO.- Potenciar o Campus Universitario de Lugo, que ten 5.341 alumnos, co-financiando a súa ampliación; consolidar a UNED como centro referente no noroeste peninsular -evitando que os seus 1.600 alumnos teñan que marchar fóra da provincia para estudar- e co-financiamento dos centros existentes en Monforte, Viveiro e Foz; apoiar economicamente os Conservatorios de Música de grao medio e demandarlle á Xunta a integración na rede pública.

6º COMPROMISO.- Conseguir a declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas, así como a elaboración dun plan integral con todas as variantes do Camiño na provincia de Lugo, instando as Administracións correspondentes a facelo e a poñelas en valor como porta de entrada do 90% dos peregrinos a Galicia.

7º COMPROMISO.- Promover a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, rendibilizando e impulsándoa economicamente, sempre baixo criterios de sustentabilidade.

8º COMPROMISO.- Promover un plan de viabilidade para o edificio do antigo hospital San Xosé, unha vez desaloxado polo SERGAS, e instar ó Goberno Galego a financiar o seu compromiso de manter novos servizos sociosanitarios no hospital psiquiátrico de Castro.

9º COMPROMISO.- Manter a sustentabilidade económica da Deputación, a capacidade de financiar compromisos presentes e futuros con contas saneadas e equilibradas que responderán ó equilibrio orzamentario e financeiro e ós principios plurianualidade –desenvolvendo políticas plurianuais que se axusten á duración do mandato-, transparencia –a través da emisión de informes periódicos ó Pleno- e de economía, eficacia e eficiencia, e seguir potenciando a redución do gasto corrente, iniciado no anterior mandato.

Gómez Besteiro ratificou a recuperación para a xestión directa por parte da Deputación do ámbito actualmente desenvolvido polo INLUDES, transformándoo nun novo sistema de cooperación e asistencia ós Concellos que poña á súa disposición o persoal e recursos a través de redes de servizos que aforren custos. Esta simplificación do sistema administrativo traducirase tamén nunha redución de asesores dos grupos políticos e nunha reorganización xeral do sistema burocrático. Tamén se creará unha central de compras na Deputación.

10º COMPROMISO.- Completar o proceso de transferencias de estradas coa Xunta de Galicia e os Concellos. En paralelo, o Goberno provincial tamén instará as Administracións competentes a completar o mapa de estradas: A8, autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense, desdobramento do corredor Nadela-Monforte e posta en servizo da autovía, que non corredor, Ferrol-Barreiros.
9ª Corporación da etapa democrática
Trátase da novena Corporación da etapa democrática, xa que as anteriores estiveron presididas por Luis Cordeiro, que ocupou o seu cargo durante un mandato, e por Francisco Cacharro Pardo, que exerceu como titular durante seis. Deste xeito, Gómez Besteiro –o segundo Presidente da Deputación máis novo de Galicia, xa que o titular de Pontevedra tan só é 6 días máis novo- liderará a segunda fase do cambio iniciada hai catro anos por socialistas e nacionalistas.

A constitución da Mesa de Idade estivo formada polos Deputados José Ramón Val Alonso (29 anos) e Regina Polín Rodríguez (60 anos), quen lle entregou o bastón de mando a José Ramón Gómez Besteiro, obtendo a maioría absoluta con 13 votos. A nova Corporación está formada por 11 Deputados do PSOE, 2 do BNG, e 12 do PP. Seguindo esta distribución, os integrantes da Corporación provincial son os seguintes: José Ramón Gómez Besteiro (Lugo), Manuel Martínez (Becerreá), Juan José Díaz Valiño (Castro de Rei), Sonsoles López (Paradela), Álvaro Santos (Friol), Lara Méndez (Cervo), José Ramón Val Alonso (Foz), Regina Polín (Guitiriz), Pilar García Porto (Antas de Ulla), Miguel Ángel Sotuela (Ribas de Sil), José Fernández (Navia de Suarna); Mario Outeiro (O Corgo) e Antonio Veiga (Barreiros); José Manuel Barreiro (Lugo), Antonio Muíña (Friol), Jesús Carreira (Guntín), José Manuel Mato (Paradela), Manuel Jesús González (Baralla), José Pardo Lombao (Outeiro de Rei), José Jesús Novo Martínez (O Vicedo), Elena Candia (Mondoñedo), José M. Gómez Puente (Barreiros), Tomás Rodríguez (Xermade), Fernando Pensado (Palas de Rei) e José Manuel Arias (Bóveda).

Logo do escrutinio e da proclamación de Gómez Besteiro como máximo mandatario provincial, todos os membros da Corporación recibiron os atributos que os acreditan como Deputados: medalla, diploma e insignia de ouro da provincia. Para optimizar os recursos existentes, no caso do primeiro atributo tan só se entregaron novas medallas ós membros que non ocupaban este cargo con anterioridade, mentres que os demais recibiron a mesma. Todos os Deputados asinaron no Libro de Ouro.
Éxito de convocatoria
O acto de investidura contou cunha gran afluencia de público. Ademais da Corporación e dos familiares do Presidente –entre os que se atopaban a súa dona e os dous fillos-, tamén participaron os Alcaldes dos Concellos de maior e menor poboación: o de Lugo –José López Orozco-, e o de Negueira de Muñiz –José Manuel Braña; o Delegado do Goberno, Miguel Cortizo; a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias; o Secretario Xeral do PSOE en Galicia, Manuel Vázquez; os Parlamentarios, Concepción Burgo, Ismael Rego, Sonia Verdes, José Romé Roca; o Cronista oficial de Lugo, Juan Soto; o ex presidente da Deputación, Ulloa Vence. Tamén acudiron varios Alcaldes da provincia como os de Fonsagrada, Castroverde, O Incio, A Pastoriza, Pol, A Pontenova, Samos, Burela, Cervantes, e Monterroso, ademais do Director do INSS, o ex deputado, Claudio Garrido;, o conselleiro do INLUDES, Horacio Rouco; a ex Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján; a presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo, Marina Cillero; e a Secretario Xeral da Deputación, José Mourelle Cillero.

——————————————–
INTERVENCIÓN PRESIDENTE
DISCURSO DE INVESTIDURA

——————————————–

-Señoras e señores Deputados,
-Alcaldes que en bo número hoxe nos acompañades como o de Lugo e Negueira de Muñiz, os municipios con máis e menos habitantes da provincia que simbolicamente representan os 67 Concellos,
-Cidadáns da Provincia de Lugo, ós que lles dou o noso máximo agradecemento,
-Delegado do Goberno en Galicia,
-Delegada territorial da Xunta, Parlamentarios,
-Autoridades, Cronista oficial da provincia,
-E moi especialmente, á miña muller e meus fillos: gracias por acompañarme e apoiarme como sempre fixestes.
Para José Ramón Gómez Besteiro dicir hoxe “moitas gracias” resulta claramente insuficiente. Gracias ó Pobo de Lugo estamos vivindo un momento histórico e decisivo no futuro da nosa provincia. Histórico, porque O CAMBIO CONTINÚA EN LUGO; decisivo, porque, desde os primeiros pasos, estamos configurando un cambio que XA NON TEN VOLTA ATRÁS.
Proclámoo coa satisfacción de ser un dos moitos que traballamos por este día, pero tamén co agradecemento e a humildade debida porque foi o Pobo de Lugo quen revalidou a confianza en nós -Partido Socialista e Bloque Nacionalista-, que non somos máis que os encargados de desempeñar tan honrosa tarefa.
O NOSO PRIMEIRO DEBER, O DEBER DE TODOS E CADA UN DE NÓS, CONSISTE EN INTERPRETAR E RESPECTAR A VONTADE POPULAR. Hai que saber gañar e hai que saber perder. E dígoo sen acritude. O pobo votou por que se manteña o cambio iniciado hai catro anos e a nosa obriga é seguir impulsándoo; un cambio cara a adiante, en sintonía co futuro, sen “políticas de retrovisor” que a nada levan.
As eleccións trouxeron como resultado a renovación en todas as Entidades Locais e, nalgúns casos, a alternancia política. Os meus parabéns ós membros desta Corporación, ós anteriores Deputados polo seu impagable traballo e tamén a cantos obtiveron a confianza da cidadanía, e a aqueles Alcaldes e Alcaldesas que acceden por vez primeira ós Concellos. Na Deputación atoparán a súa aliada.
Creo na eficacia do diálogo e na democracia participativa, o que necesariamente supón interlocutores capaces. Por iso, felicito tamén ó Partido Popular polos seus resultados nas urnas e invítoo a que as naturais discrepancias co Goberno Provincial se manifesten aquí, no Pleno da Deputación, ó que ofrezo, desde o primeiro momento como Presidente, a miña lealdade institucional sen reservas.
Todos temos que pensar no presente e no futuro de Lugo, aínda que sexa de distinta maneira. Facelo compatible e conxugalo ó servizo do interese común é o que nos demanda a cidadanía, cada un dos 351.317 habitantes desta provincia.
Despois do capitalismo, o ismo dominante é o individualismo. Hoxe fago un chamamento á unidade da provincia, a construír Lugo: FAGAMOS “LUCENSISMO” no sentido de estimularnos e potenciarnos uns ós outros precisamente porque somos diferentes. Lugo non pode permitirse unha sociedade atomizada… E menos neste momento no que o compromiso parece estar en perigo de extinción primando o “darwinismo económico”, razón pola que os partidos políticos tampouco podemos estar facendo campaña as 24 horas… Ou si… pero entón conseguiremos que os cidadáns nos cualifiquen aínda peor que como o terceiro problema máis importante do país. Sen noción de ben común, a política convértese, nun ben de consumo máis. Non o esquezamos.
————————————-
Construír Lugo, facer lucensismo, empeza por un mesmo… sen esquecer que o Pobo de Lugo votou porque continúe o cambio. Comparto co profesor Paul Evans, que ás persoas non lles desgusta o cambio, senón ser cambiadas…
A actual Deputación de Lugo sabe cal é o seu papel, a súa columna vertebral: a asistencia e cooperación ós Concellos. Por iso, o reto foi cumprido no anterior mandato ó gañar lexitimidade pola vía da eficiencia, demostrando que podiamos ser útiles á provincia.
Cando un sabe cal é a súa misión non ten medo ós cambios organizativos como pode ser, por exemplo, plantexar un novo sistema de elección directa nesta Administración ou moitos outros… A DEPUTACIÓN DE LUGO NON TEN MEDO A AFRONTAR COMO MOLDEAR O SEU FUTURO MÁIS QUE ACOMODARSE A SER MOLDEADA POLO PASADO.
Pero, para chegar máis alá do debate sobre a supervivencia ou non das Deputacións, hai que facelo desde unha perspectiva moito máis ampla que comprenda a análise das competencias de tódalas Administracións en España e a reforma da arquitectura institucional tal e como a entendemos hoxe.
Primeiro, temos que saber de qué cifras falamos. Os gobernos locais intermedios en España, como son as Deputacións, representan unha parte pequena do gasto público local: o 13,5%. Este é todo o protagonismo que teoricamente se quixo dar no país ós gobernos intermedios.
Pero na práctica, debido ó minifundismo municipal existente e ó deixamento de funcións doutras Administracións, as Deputacións vémonos na obriga de asumir moito máis protagonismo. Xa non se trata só de desempeñar as nosas funcións, senón tamén outras que nos son impropias pero que garanten un nivel mínimo de prestación de servizos en todo o territorio, transformando os “problemas micro” en “solucións macro”; vémonos na obriga de transferir importantes recursos ós Concellos; de facer o papel de únicos –e resalto o de “únicos”- axentes inversores e de converternos nunha importante fonte de financiamento das Entidades Locais.

É dicir, a Deputación é quen canaliza na práctica o interese colectivo dos pequenos municipios desde un punto de vista supramunicipal, aforrándolles custos a través do traballo en rede. Atrás quedou o modelo obsoleto de ser “intermediario”, que recibía recursos e repartía, para ser un goberno local “intermedio”, que transforma eses recursos en forma de rede e, baixo economías de escala, prestando servizos ós Concellos e á cidadanía. Cun engadido: traballar en rede significa non só pensar nos recursos dun, senón nas capacidades dos outros. O plus está en saber liderar proxectos comúns e estar dispostos a compartir e confiar: a ser corresponsables. Porque, non nos enganemos, esta sociedade supostamente está sobrada de redes pero famenta de comunidade.
Por todo iso, a solución máis cabal para reorganizar o papel competencial non se pode limitar á cirurxía territorial. Consistiría na subscrición dun Pacto de Estado -ou cando menos dunha política de amplo consenso- entre as diferentes forzas sobre cales han de ser as liñas mestras da reordenación do sistema de competencias locais. Acompañado, esta vez si, do financiamento local axeitado.
Conclúo este asunto reescribindo as anteriores palabras do profesor Paul Evans e reafirmando publicamente que Á DEPUTACIÓN DE LUGO NON A ASUSTA O CAMBIO PORQUE O ESENCIAL, TRABALLAR EN REDE AFORRANDO CUSTOS, FACENDO CON MAIÚSCULAS “LUCENSISMO”, REALÍCEO QUEN O REALICE MAÑÁ… NON PODE SER CAMBIADO.
————————————-
Neste novo mandato propoñémonos gobernar sobre a base duns principios que imos proclamar categoricamente. Fronte ós que se fartan de dicir que xa son innecesarias as ideoloxías, nós ratificamos que as institucións non poden estar baleiras de contido, non poden ser institucións superficiais, senón con ideas e ideais. Por iso, os principios do noso goberno progresista non varían pero as políticas progresan para dar resposta a unha sociedade en ebulición.
Non podemos aceptar que Lugo tivera en 1950 un terzo da poboación máis que hoxe, ou que, por cada cotizante á Seguridade Social na provincia, haxa un xubilado, que case a metade da mocidade repita que “está estudando para o paro”, que a emancipación se transforme nunha utopía irrealizable, que a xente teña que acampar porque teme ó goberno cando o goberno tampouco debería temer a súa xente… ou que a igualdade hoxe se cambie polo “igual me da”.
Só adoptando medidas audaces e progresistas será posible inverter a situación. Iso significa que non podemos ser todo o tempo politicamente correctos. Xa non hai opción de pedir “tempo morto”, pero tamén rematou o tempo da “Deputación nodriza”, que paga todo. Medidas que, salvagardando os fundamentos das políticas progresistas, corten aquelas sen valor engadido para permitir o florecemento doutras novas acordes ás necesidades actuais. E neste progreso, o recurso máis desexado xa non será a inversión, será a innovación. Niso non lle teñamos medo á competencia, senón á ausencia de competencia.

No anterior mandato, seis meses antes do remate, cumprimos todo o programa de goberno: o pago ós Concellos da débeda polo canon enerxético, a posta en marcha da rede provincial de parques de bombeiros, a creación da UNED en Lugo, a transferencia dos hospitais, o cumprimento do plan económico-financiero da Deputación cun resultado de estabilidade orzamentaria, etc…
A mesma autoesixencia presidirá o novo decálogo de compromisos programáticos do Goberno Provincial, respectando ademais o primeiro Plan Estratéxico. Os compromisos de socialistas e nacionalistas poder ser resumidos así:
PRIMEIRO COMPROMISO/.- Ratificar como prioridade máxima na acción política da Deputación de Lugo a cooperación e asistencia ós Concellos a través de accións en rede, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico, especialmente no rural.
¿Cómo o imos facer…?
? Debemos ser capaces de recoñecer que o maior problema que ten Lugo é o despoboamento demográfico, e cun dobre perigo: actúa en silencio. Lugo terá pouco futuro se non conseguimos estabilidade demográfica. A dicotomía é tal que, mentres que nas cidades temos “xente sen espazo”, nas aldeas hai “espazo sen xente”.

Despois de celebrarmos o primeiro foro de Galicia sobre despoboamento demográfico, “Lugo Reacciona”, con propostas firmes que a FEGAMP quere traducir nunha comisión permanente de traballo, neste mandato a estabilidade demográfica ten que estar presente en toda canta acción de cooperación cos Concellos e creación de emprego realicemos.
Isto implica reformas estruturais en profundidade pero tamén na superficie. A dignificación do rural empeza polo propio dicionario da Real Academia Española –que non o da Real Academia Galega-. No da Española se define “rural” como “inculto e tosco”. Pero Lugo urbano non se entende sen Lugo rural e viceversa, ó igual que toda Galicia. ¡
Esta Deputación entendeuno e seguirá actuando en consecuencia. Os municipios pequenos son os que garanten a conservación do patrimonio natural e cultural, polo que é necesario aplicar políticas sectoriais que favorezan o mantemento da poboación rural. Seguiremos garantindo a mellora das condicións de vida dos seus habitantes a través de estruturas produtivas, servizos públicos, infraestruturas… e reclamaremos que o Estado e a Comunidade Autónoma manteñan o esforzo inversor que faga diminuír o desequilibrio territorial. Avogaremos por COMPENSAR os pequenos municipios rurais pola súa participación na xestión e conservación dunha parte esencial do noso patrimonio.
Dignificando o rural, dignificamos a actividade agropecuaria como profesión e oportunidade económica para a mocidade, polo que potenciaremos as nosas políticas para incrementar a produtividade.
? Outra liña de traballo vinculada a este primeiro compromiso é o despregamento da rede da Deputación de residencias e centros de día para a terceira idade que creará traballo no rural –os denominados “empregos brancos”-, facilitando a calidade asistencial nos Concellos e ingresos ás arcas municipais. A participación do Goberno Galego, tal e como se comprometeu, será imprescindible na concertación das prazas, garantindo o carácter público dos centros e prezos accesibles ós usuarios.

? Asistencia ós Concellos, emprego e demografía van da man doutra liña: captar novos fondos europeos, esgotando as derradeiras convocatorias, e dirixidos a potenciar a estabilidade demográfica.
As políticas medioambientais estarán vinculadas á comercialización de produtos autóctonos pero tamén á creación da empresa provincial de turismo. Promoverá e fará rendibles os recursos, coordinando os sectores público-privado nun ente único que evite a duplicidade de servizos e racionalice o investimento global.
A Deputación estenderá a banda ancha en colaboración co Goberno Galego, Administración responsable desta competencia. Se nos 80 foi o momento das pistas urbanas e rurais, no século 21 é a hora das autopistas da información. Lugo en rede e na Rede.

SEGUNDO COMPROMISO/.- O desequilibrio máis doloroso, desde o punto de vista humano, é, sen dúbida, o paro, que ataca as raíces máis profundas das persoas e das familias, debilita a confianza e leva a cuestionar a solidariedade social. Sen tentar disimular a súa rudeza co termo menos agresivo, “desemprego”, o noso deber é contribuír desde a institución provincial e utilizar todos e cada un dos instrumentos dispoñibles en prol da creación e mantemento dos postos de traballo.
TERCEIRO COMPROMISO/.- Posto en marcha o Consorcio Provincial contra incendios da provincia que saldou unha das débedas históricas que lastraba a seguridade nos municipios, a Deputación co-financiará coa Xunta de Galicia a cobertura do 100% do territorio.
CUARTO COMPROMISO/.- Abrir un proceso de negociación co Goberno de España para analizar a viabilidade da creación da Autoridade Portuaria en Lugo, así como a apertura, ó tráfico comercial en xeral, do dique norte do porto de San Cibrao.
QUINTO COMPROMISO/.- Crear emprego a través da educación. Potenciar o Campus Universitario de Lugo, que ten 5.341 alumnos, co-financiando a súa ampliación. Consolidar a Universidade Nacional de Educación a Distancia no parque do Miño como centro referente no noroeste peninsular -evitando que os seus 1.600 alumnos teñan que marchar fóra da provincia para estudar-, así como o co-financiamento dos centros da UNED existentes anteriormente: Monforte, Viveiro e Foz. Apoiar economicamente os Conservatorios de Música de grao medio e demandarlle á Xunta de Galicia que se integren na rede pública de centros autonómicos.
A Fundación TIC seguirá potenciando as tecnoloxías entre o tecido asociativo. Igual que a Deputación continuará o apoio incondicional ó tecido cultural de Lugo e ó deporte de base.

SEXTO COMPROMISO/.- Conseguir a declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas, así como a elaboración dun plan integral con todas as variantes do Camiño na provincia de Lugo, instando ás Administracións correspondentes a facelo e a poñelas en valor como porta de entrada do 90% dos peregrinos a Galicia, constituíndo unha oportunidade económica de primeira magnitude.
SÉTIMO COMPROMISO/.- Promover a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, rendibilizando e impulsando economicamente, sempre baixo criterios de sustentabilidade, unha das áreas máis castigadas polo despoboamento demográfico.
Así mesmo, a Deputación potenciará as tres Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO e que suman preto do 60% do territorio.
OITAVO COMPROMISO/.- Saldadas todas as débedas históricas, chegou o momento de promover un plan de viabilidade para o edificio do antigo hospital San Xosé, unha vez que sexa definitivamente desaloxado polo SERGAS, e instar ó Goberno Galego a financiar o seu compromiso de manter novos servizos sociosanitarios no hospital psiquiátrico de Castro.
NOVENO COMPROMISO/.- Manter a sustentabilidade económica da Deputación, a capacidade de financiar compromisos presentes e futuros con contas saneadas e equilibradas que responderán ó equilibrio orzamentario e financeiro e ós principios de: plurianualidade –desenvolvendo políticas plurianuais que se axusten á duración do mandato-, transparencia –a través da emisión de informes periódicos ó Pleno- e de economía, eficacia e eficiencia –simplificando os procesos, racionalizando o gasto e dinamizando os servizos ós Concellos-. E seguiremos potenciando a redución do gasto corrente, iniciado no anterior mandato.
Dicía antes que as medidas audaces son as que nos permitirán inverter a situación actual, e que os cambios tiñan que empezar por nós mesmos. Polos traballadores e funcionarios da Deputación, que, como o seu nome indica, funcionaron para reorientar a institución. Volverán ser claves na recuperación, para a xestión directa por parte da Deputación de Lugo, do ámbito actualmente desenvolvido polo INLUDES, transformándoo nun novo sistema de cooperación e asistencia ós concellos que poña á súa disposición o persoal e recursos a través de redes de servizos que aforren custos.
A simplificación do sistema administrativo traducirase tamén nunha redución de asesores dos grupos políticos e nunha reorganización xeral do sistema burocrático.
E crearemos unha central de compras na Deputación, xeneralizando os acordos marco como fórmula de continuar na racionalización e optimización do gasto público en obras, subministracións e servizos.
DÉCIMO COMPROMISO/.- Dado que a Deputación se ve obrigada a soster a rede provincial de estradas máis ampla de España, o cal afecta a súa sustentabilidade económica, é imprescindible completar o proceso de transferencias coa Xunta de Galicia e os Concellos, regulando as casuísticas obsoletas e actualizando a titularidade das Administracións sobre as estradas na provincia.
En paralelo, o Goberno provincial tamén instará ás Administracións competentes a completar o mapa de estradas que garantan a mobilidade provincial presente e futura: A8, autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense, desdobramento do corredor Nadela-Monforte e posta en servizo da autovía –que non corredor- entre Ferrol-Barreiros.

————————————

Nos tempos difíciles a situación é dura pero tamén é a ocasión de saber se estamos á altura.

Dicía ó principio que para min dar hoxe as gracias era claramente insuficiente porque… Á cidadanía, ós meus compañeiros do Partido Socialista e ós nosos socios nacionalistas débolles o chegar ata aquí; a Lugo… o querer levar esta provincia moito máis alá.

¡Moitas gracias

Exit mobile version