Site icon Crónica3.com A Mariña

O técnico internacional Sito Rivera participará no V campus mixto Burela FS

Nota de prensa:
O TÉCNICO INTERNACIONAL SITO RIVERA PARTICIPARÁ NO V CAMPUS MIXTO BURELA FS (13-16 XULLO)

O seleccionador nacional de Romanía, Tomás Rivera Amoros, máis coñecido como Sito Rivera, xa confirmou a súa participación na quinta edición do Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base Burela FS. A cita reunirá os mellores profesionais nacionais e internacionais do fútbol sala na vila mariñá entre o 13 e o 16 de xullo, xunto a xogadoras, xogadores e corpos técnicos da entidade burelista.

O técnico catalán leva vinculado ao combinado romanés dúas tempadas, nas que tamén se proclamou campión de Romanía co Futsal Deva (2009-10) e o Targu Mures (2010-11). Con máis de tres décadas dedicadas a este deporte, Sito Rivera (Mataró, 1956) fíxose un sitio no panorama español primeiro co ascenso á División de Prata do FS Vilassar de Mar (1995-96) e máis tarde poñéndose á fronte do Miro Martorell (2000-01) e Polaris World Cartagena (2004-06), en Honra. O técnico deu o salto internacional en 2007-08 ao asumir a dirección do xaponés Bardral Urayasu, co que se proclamou campión da Puma Cup e subcampión da F. League. Dende entón tamén realizou pequenas incursións no Calcio A-5, en Italia, dirixindo o Napoli (2008-09) e o Luparense (2009-10).

Grande interese

A quinta edición do campus laranxa está espertando un grande interese; ademais de numerosos nenos/as da Mariña, o club xa recibiu inscricións de doutros puntos do territorio galego, como Sarria ou Ourense, e da comunidade asturiana.

Ata o mércores 7 de xullo todos os/as rapaces/as de entre 7 e 14 anos interesados/as poderán reservar a súa praza. A folla de matrícula está dispoñible nas oficinas do club (avda. Arcadio Pardiñas, número 97) ou a través de www.burelafs.org/campus. O prezo da matrícula para o alumnado da ED EON Burela FS e dos clubs vinculados á entidade laranza por convenios será de 40 euros e para o resto de 55. Aqueles/as alumnos/as que o desexen tamén poden escoller entre un réxime de media pensión (35 euros máis) e un de pensión completa (80 euros máis).

Exit mobile version