Site icon Crónica3.com A Mariña

O Torneo de fútbol 7 da Mariña celebrarase no campo de Malates en Foz

Nota de prensa

As xestións de José Ramón Val posibilitan o Torneo de fútbol 7 da Mariña no campo de Malates

– O Deputado tamén anunciou que as instalacións entrarán en funcionamento oficialmente a vindeira semana, xa que só falta o trámite administrativo da certificación dos traballos incluídos no Plan Extraordinario de Obra Pública
– Esta actuación súmase a outras 8 executadas pola Deputación no marco desta iniciativa, que suman 1,5 millóns de euros e coas que se manteñen preto de 100 empregos
– Val adianta que a finais de xullo a Deputación rematará o acondicionamento da estrada de Reiriz a Espiñeira, financiada ó 100% con fondos propios

Tan só sete días despois da súa toma de posesión como Deputado provincial e tras presentar a “I Festa normanda de recuperación histórica de Foz”, José Ramón Val Alonso continúa cunha intensa actividade política. As xestións levadas a cabo polo político focense farán posible que esta fin de semana o Torneo de fútbol 7 da Mariña, organizado pola asociación cultural-deportiva de Foz, xa se celebre no campo de herba artificial de Malates que foi acondicionado pola Deputación dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. José Ramón Val fixo este anuncio durante a visita realizada ás instalacións, que entrarán en funcionamento oficialmente a vindeira semana cando se completen os derradeiros trámites administrativos. O permiso especial negociado polo Deputado posibilita a celebración do encontro futbolístico días antes do remate oficial das obras e garante a asistencia de máis de 400 persoas durante a fin de semana.

Esta será a segunda edición do encontro deportivo que se celebrará dende o 1 ó 3 de xullo. Contará coa participación de 18 equipos de toda a Mariña, o que significa que uns 200 rapaces máis os afeccionados e público asistente se darán cita eses días en Foz. Tendo en conta a premura do evento e que ningún dos campos de fútbol existentes poderían acoller un torneo destas características que non fose este, a entidade asociativa púxose en contacto co Deputado para que este realizase as xestións oportunas e así poder facer uso do renovado campo municipal antes de ser inaugurado oficialmente.

Val Alonso subliñou que “a Deputación non só cumpriu con Foz executando as obras no tempo previsto en resposta á petición do anterior Alcalde, José María García Rivera, senón que tamén sabe adaptarse ás necesidades reais dos clubes de fútbol da Mariña. Trátase de priorizar, polo que non podiamos permitir que, só por uns trámites administrativos, os rapaces tivesen que marchar a outras instalacións e Foz perdese unha numerosa asistencia de persoas, o que se traduce en gasto no Concello”.

O encontro comezará o venres ás 19:00 horas e continuará o sábado dende as 10:00 ás 20:00 horas. O domingo desenvolveranse os cuartos de final, a semifinal e a final. Esta última disputarase este día a partir das oito da tarde.

Compromiso cumprido
Coas obras do campo, o organismo provincial cumpre o compromiso asumido no mes de marzo cando o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que esta infraestrutura estaría rematada a finais deste mes, e que se suma ás outras 8 que a Deputación executa en Foz no marco do Plan Extraordinario de Obra Pública.

O paquete de proxectos está encamiñado a dotar e mellorar servizos e equipamentos e conta cun presuposto de 1,5 millóns de euros. Na execución destas obras traballan un total de 87 operarios, que se suman ós 33 contratados por medio do plan Lugo Emprega. Coa creación dun campo de herba artificial, a Deputación, a petición do Concello, atende unha forte demanda do sector do deporte e dos veciños en xeral de dispoñer dunhas instalacións axeitadas para a práctica futbolística, xa que o recinto actual presenta deficiencias que dificulta o seu uso. Neste caso, a inversión é de 450.000 euros.

Máis obras finalizadas
Segundo anunciou Val, a Deputación tamén rematará a finais de xullo a estrada que comunica Reiriz con Espiñeira. O actual equipo de goberno non só desbloqueou a execución desta actuación -a anterior Deputación deixáraa adxudicada, pero sen expropiar os terreos-, senón que ampliou as obras á totalidade da estrada, que ten unha lonxitude de 2,2 quilómetros. Neste caso, ademais da renovación do firme, dotouse de beirarrúas, alumeado público e servizos de telecomunicación, saneamento e abastecemento de auga. O presuposto é de 550.00 euros.

Os sete proxectos restantes que ten previsto a Deputación en Foz están a maior parte rematados, agás a construción de tres illas para o soterramento de contedores de lixo, no que inviste 120.364 euros, que está en vías de execución. Neste senso, xa están finalizadas a reforma da escola de Forxán, en San Martiño de Mondoñedo (con 26.867 euros); parque infantil na Rúa Congostra do Cura e adecuación do da Praza Conde de Fontao (13.295 euros), execución das arquetas de bombeo na Pontevella, en Fazouro (89.052 euros); acondicionamento de salas de exposición e cafetería no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima); instalación de spa na piscina municipal (120.092 euros); subministro de bombas para a impulsión de residuais nas parroquias de Fazouro e Cangas execución, así como o equipamento e infraestruturas de servizos básicos, e mellora na rede viaria municipal con dotación de aglomerado (146.379 euros). O organismo provincial tamén custea con 33.948 euros a redacción do proxecto para a construción dunha residencia de maiores con 100 prazas e un centro de día incorporado.

Exit mobile version