Site icon Crónica3.com A Mariña

O Valedor do Pobo tramitou no ano 2010 a maior cifra de expedientes da súa historia

REFERENCIA

O Valedor do Pobo tramitou no ano 2010 un total de 2.698 expedientes, a maior cifra da súa historia

1 de Xuño do 2011

Benigno López duplicou no 2010 o número de expedientes tramitados hai cinco anos. Cuestións relacionadas coa educación, a sanidade e a función pública resultaron as máis habituais entre as reclamacións cursadas polos cidadáns. Un total de 1.011 queixas implicaron a departamentos da Xunta de Galicia e 463 aos concellos. A Consellería de Traballo e Benestar destacou polas demoras nas súas respostas.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2011. O Valedor do Pobo, Benigno López González, entregou esta mañá no Pazo do Hórreo á Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, un bolígrafo de memoria co seu Informe Ordinario correspondente ao exercicio 2010, no que se tramitaron un total de 2.698 expedientes, a maior cifra na historia da institución, que acaba de cumprir 20 anos. Na súa comparecencia posterior ante os medios de comunicación, o Valedor indicou que educación, sanidade e emprego público resultaron as áreas que contabilizaron o maior número de tramitacións de queixas, seguidas das cuestións relacionadas co réxime local e servizos sociais. As consellerías de Sanidade, e Traballo e Benestar, coparon máis da metade das reclamacións que implicaron a departamentos da Xunta de Galicia.

O exercicio do 2010 marcou un fito na traxectoria do Valedor do Pobo, ao sumar un total de 2.698 expedientes, a cifra máis alta das rexistradas nos vinte anos de historia da institución, e que vén confirmar a tendencia alcista experimentada nos últimos anos. O dato supón un incremento de 64 iniciativas respecto do exercicio precedente e duplica o número de expedientes iniciados cinco anos atrás. E todo isto, tal e como comentou o titular da institución en rolda de prensa, a pesares do contexto de crise no que se desenvolveu esta actividade que fixo que “o esforzo a realizar dende as nosas entidades, que traballan en prol das persoas, se vexa multiplicado aínda máis cando, tanto o número das reclamacións como a súa intensidade, vai in crescendo”. De feito, o Valedor lembrou que a institución mantén un firme compromiso de austeridade que se materializou nos últimos anos na sucesiva reducción dos seus orzamentos, que no actual exercicio baixaron un 5%.

Os 2.698 expedientes iniciados pola institución, deron lugar a 2.396 queixas no seu senso máis estricto, 23 consultas e, o resto, trataron asuntos de diversa índole. “Cada vez máis os cidadáns se dirixen á institución para pedir consello, orientación, e mesmo amosar unha opinión particular sobre feitos que, sen constituír obxectos de queixa en si mesmos, lles resultan preocupantes”, manifestou o Valedor, quen explicou que este ano, á hora de cursar os escritos, a institución estreou un novo procedemento que fai que cada expediente quede clasificado segundo a súa natureza en queixa, consulta ou asunto diverso. Ata o de agora todos os documentos chegados á institución recibían o trato inicial de “queixa”, quedando algúns inadmitidos por non cumprir cos requisitos legais das mesmas.

Por áreas
No desglose das queixas como tales, a área que acolleu un maior número delas foi a de educación, con 343 reclamacións, o que supón 14,32% do total. Séguenlle, sanidade, con 300 queixas, e emprego público e interior, con 229. Servizos sociais, alcista nos últimos anos, baixa ao quinto posto, con 210 iniciativas, un 42% menos que o exercicio precedente.

Respecto do ano pasado, ascenden as queixas en materia de sanidade, educación, industria, xustiza, réxime local, cultura e menores. Esta última foi a área que experimentou o crecemento máis importante, chegando a duplicarse as iniciativas. En sanidade, de 166 reclamacións no 2009, evolucionouse a 300, o que supón un incremento do 81%. En cultura e política lingüística chama a atención do Valedor o ascenso das iniciativas refiridas tan só á cuestións culturais, téndose multiplicado por sete no desenvolvemento do exercicio impulsadas por un amplo grupo de iniciativas en defensa dos petroglifos galegos, deixando en 49 as queixas por conflictos co uso do idioma, un 47% por cento menos que na anterior anualidade.

En 1.489 ocasións o Valedor do Pobo dirixiuse a algún nivel da Administración Pública da Comunidade en demanda de informe. Concretamente, 1.011 queixas implicaron algún departamento da Xunta, seguida en número polas que incluían como responsables os concellos (463), as deputacións e as universidades.

Entre as dirixidas á Xunta, as máis numerosas cargan as tintas contra a Consellería de Sanidade, con 312; á de Traballo e Benestar con 222 e á de Educación e Ordenación Universitaria, con 133; os tres únicos departamentos que superan o centenar de reclamacións.

Perfil dos reclamantes
A maior parte das queixas presentadas polos cidadáns parten de iniciativas individuais; só 479 foron presentadas en serie sobre un total de 6 asuntos e 21 resultaron promovidas de oficio polo Valedor. Quéixanse máis os homes que as mulleres, un 53% fronte ao 47%. Principalmente proceden do medio urbano, nunha porcentaxe do 86% por cento; e só en 186 casos o afectado reside fóra da comunidade. A remisión de expedientes polos medios electrónicos, e-mail ou páxina web do Valedor, prodúcese no 50% das ocasións.

Un ano máis os cidadáns da provincia de A Coruña, co 51% das queixas, resultaron os máis activos ante o defensor galego, seguidos polos residentes nas de Pontevedra, Ourense e Lugo, nese orde. A Coruña tamén resultou a provincia que sumou máis iniciativas por cada 10.000 habitantes, en concreto 9,76; seguida de Ourense (7,42) e Pontevedra e Lugo con 6,26, e 6,13, respectivamente. Por municipios os santiagueses dirixéronse con maior asiduidade ao Valedor tendo promovido 240 reclamacións.

Resposta da administración
Aínda que non foi preciso formular ningunha declaración de entorpecemento, no 2010 emitíronse reiterados recordatorios de deberes legais e advertencias de declaración de hostilidade, que resultaron máis frecuentes no caso da Consellería de Traballo e Benestar, á que foi preciso enviarllas en 17 ocasións. Un ano máis, segundo o Valedor do Pobo “destaca pola resistencia a colaborar o Concello de Ribeira, con sete 7 advertencias; seguido doutros como Pontevedra, advertido en 4 ocasións; ou Monforte, O Porriño, Vigo, e Salceda de Caselas, en 3”.

Outras administracións incorreron na excesiva dilación á hora de enviar informes houbo que reiterarlles a petición de documentos ata en dúas ocasións. Ocorreu en 106 casos coa Consellería de Traballo e Benestar, seguida, dentro da Xunta de Galicia, por Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas – 33 veces- e por Educación e Sanidade igualadas con trece 13 reiteracións, indicou Benigno López.

A receptividade por parte das administracións ás resolucións emanadas do Valedor do Pobo, resultou lixeiramente menor que a rexistrada en anos precedentes. Dun total de 122 resolucións formuladas, o grao de aceptación situouse no 72%, resultando non aceptadas 24, e pendentes, ao peche do exercicio, 10.

Restriccións en materia educativa
No repaso temático das cuestións que máis preocuparon aos galegos durante a anualidade pasada, o Valedor do Pobo apuntou á educación, que ó seu xuízo, estivo afectada polas restriccións presupuestarias. “A cuestión educativa sitúase á cabeza dentro das queixas iniciadas polos galegos, que inciden en dous aspectos: a calidade do ensino e as restricións de prestacións a consecuencia da crise económica, o que se traduce na necesidade de acometer unha fonda mellora da eficiencia no gasto educativo”, apuntou. Neste senso indicou que en ocasións a administración educativa percibe os servizos de transporte ou comedor como un gasto excesivo, o que “se traduce nunha esaxerada rixidez ao aplicar criterios”.

As necesidades educativas especiais, sobre todo as vencelladas coa discapacidade e sobredotación, chegaron á institución en bó número, indicou o Valedor, quen lembrou que a substitución do antigo Curso de Adaptación Pedagóxica polo actual Máster de Formación de Profesorado suscitou unha importante de queixas aínda que, por cuestións de competencia, foron remitidas ao Defensor del Pueblo.

En canto á protección da saúde, Benigno López González mencionou na súa comparecencia que ó redor dun cento de persoas se dirixiron á institución en demanda de mellor atención médica en Folgoso do Courel. Trála investigación correspondente, a institución coñeceu os recursos e o carácter supramunicipal do Punto de Atención Continuada que os atendía e deu por concluida a súa actuación. Algo menor foi a incidencia das queixas polas listas de espera, que este ano ascenderon a 59.

Irregularidades nas oposicións
O Valedor do Pobo constatou no 2010 diferentes irregularidades detectadas en procesos selectivos do Sergas que se concretaron na participación como membros dos tribunais de persoas que deberían terse abstido por obriga legal, e nas que concorrían relacións de parentesco e xerarquía respecto dalgúns candidatos. A intervención da institución, que emitiu 4 recomendacións ao respecto, permitiu que se apartase do procedemento a esas persoas.

Outros expedientes iniciáronse ante as denuncias de presuntas filtracións coñecidas polo Valedor do Pobo e que afectaban a oposicións para o ingreso no corpo administrativo e auxiliar. Despois da intervención do defensor, cinco persoas foron finalmente excluídas ao coñecer o contido dun exercicio antes da proba.

A excesiva dilación dos procesos selectivos da Xunta, e nas tomas de posesión, que afectaron á oferta de emprego do 2008, e principalmente aos opositores dos grupos C1 e C2 tamén preocupou a Benigno López, que logrou arrancar á Consellería de Facenda o compromiso de que terían praza asignada e tomarían posesión como moi tarde o pasado mes de abril.

Dependencia: menos queixas pero mesmos problemas
A Lei de Dependencia tivo un grande peso relativo dentro da área dedicada a asuntos sociais, e, como indicou o Valedor “máis polos aspectos coñecidos por medio das investigacións que polo número de reclamacións, que descenderon nun 42%”. “Mantense problemas detectados en exercicios anteriores tales como as excesivas dilacións e a ausencia de pagos de atrasos en caso de falecemento do dependente sen ter o Plan Individual de Atención, e logo do vencemento dos prazos para telo”, lembrou Benigno López.

O Valedor afirmou, por outra banda, que aínda existen concellos permisivos para co fenómeno do botellón e que administración autonómica non termina de adoptar decisións ao respecto e manifestou que “tanto a Lei do Ruído como os decretos autonómicos de contaminación acústica resultan instrumentos legais dabondo para intervir contra os efectos máis perniciosos do fenómeno”.

A cifra de queixas tramitadas en relación cos problemas de menores duplicouse respecto do 2009, aspecto que foi subliñado por Benigno López. Entre os temas abordados destacaron as deficiencias dos puntos de encontro familiar, adopción e mesmo con equipos de menores.

Exit mobile version