Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación do I torneo EON de fútbol sala base A Mariña 2011

Nota de prensa:
PRESENTACIÓN DO I TORNEO EON DE FÚTBOL SALA BASE A MARIÑA 2011 (1-3 XULLO)

O CD Burela FS presentou esta mesma mañá a referencia da base futbolística do verán, o I Torneo EON de Fútbol Sala Base A Mariña 2011, que reunirá na bisbarra unha ampla representación da canteira española, entre o 1 e o 3 de xullo. No salón de plenos do consistorio burelao, o presidente da entidade laranxa, José Ramón González Casas, estivo acompañado polo alcalde, José María González Barcia, e a concelleira de Xuventude e Deporte, Beatriz Piñeiro, así como polo directivo Marcelino Luna e o director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera.

José María González Barcia cualificou a cita como “digna de ser apoiada e loada pola aposta dun deporte con moita proxección na comarca, no que o CD Burela FS está traballando pola base como garantía de futuro” e auguroulle “éxito para que dende logo teña continuidade”. “Nesta época de crise nós achegaremos o noso gran de area ata onde poidamos e confiamos en que a situación económica mellore para que o Concello poida apostar de forma decidida por este tipo de actividades” dixo o alcalde.

José Ramón González Casas fixo referencia “á dedicación e traballo vertido polo club na formación dos rapaces/as, por iso tomamos con moita ilusión este novo proxecto, en colaboración coa Fundación Imdecum, e esperamos que todos os equipos gocen da cita deportiva e do noso contorno”. O presidente tamén quixo darlles as grazas a todos os implicados no torneo: “Quero agradecer o apoio de EON España, como patrocinador principal, así como á Área de Deportes da Deputación de Lugo, e aos concellos colaboradores de Burela, Cervo e Foz, ademais da Liga Nacional de Fútbol Sala, a Federación Galega de Fútbol, Living Sport, Joma, IES Monte Castelo e CEIP Vista Alegre”.

Tal e como indicou Alfonso Mera, “o torneo e a ED EON Burela FS contarán coa presenza dos históricos Caja Segovia FS e UD Las Rozas Boadillas, dous dos clubs con máis tradición de base de todo o territorio nacional, así como con equipos da comarca, como Santiago de Foz e Cidade de Viveiro, e outros galegos, como Os Meigallos de Sarria, Vigo 2015 ou Troula de Betanzos. En total serán 30 equipos distribuídos nas categorías de benxamín, alevín, infantil e cadete”. “Xunto á cita meramente competitiva que acollerán os pavillóns Monte Castelo e Vista Alegre de Burela, A Veiga-San Cibrao e Marzán-Foz, os rapaces poderán gozar dunha programación lúdico-deportiva complementaria, con xogos multimedia, hinchables, xogos populares e facer visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen, ademais de ter a posibilidade de usar o complexo deportivo da Marosa, con campo de fútbol e pistas de tenis e pádel” puntualizou o director burelista.

Exit mobile version