Site icon Crónica3.com A Mariña

Rectificar é de sabios

Rectificar é de sabios

Di o refrán popular que rectificar é de sabios. E que razón ten. Ainda que neste mesmo apartado de “opinión do lector” hai quen se laia pola rectificación, son moitos os veciños de Foz e do resto da Mariña que agradecen á Consellería que rectificara a súa decisión inicial e manteña, se hai 8 persoas interesadas en inscribirse, o ciclo superior de hostalería.

Unha das cousas que diferencia a actual administración da anterior do bipartito é precisamente esa, que están dispostos a rectificar cando se equivocan. Eu penso que así debera ser sempre. Todo o mundo ten posibilidade de adoptar unha decisión errónea, é de humanos, pero só os máis sabios saben rectificar a tempo.

Explicaba o xefe territorial da Consellería que a proposta de supresión estaba sobre a mesa en función do histórico de alumnos, que superaba nos últimos anos por pouco o mínimo legal, que son oito, pero que ao final aparecía no DOG o ciclo formativo porque a inspección educativa era favorable a manter a oferta á espera de coñecer a demanda real. Creo que nun momento de crise non está mal que se procure un uso eficiente do diñeiro público e non se manteñan ensinanzas sen demanda. Pero tamén creo que hai que dar a oportunidade de saber si na Mariña a xente sigue querendo adquirir a formación profesional precisa para a hostalería.

Claro que hai que felicitar ao novo alcalde de Foz, que segundo o propio director do instituto recoñece fixo o imposible por convencer a Educación da necesidade de manter o ciclo. Foi quizá unha das súas mellores victorias, pois logrou a rectificación antes incluso de que tivera lugar a manifestación. Oxalá outros no seu día tiveran menos soberbia e máis capacidade para rectificar os erros, quizais así hoxe UNIFOZ non existiría e o PSOE non estaría dividido en Foz.

Mira por onde gañamos un alcalde que se preocupa polo seu pobo e non outro que empregaba a alcaldía só como arma de confrontación política. Saúdos nun día de ledicia.

Ruben Marcos R.

Exit mobile version