Site icon Crónica3.com A Mariña

Soldos dos políticos

Soldos dos políticos

Nestes días que están aprobando, nas distintas corporacións municipais, os
soldos para alcaldes e concelleiros, non me resisto a escribir unhas liñas,
porque senón sinto que se me revolve moito o estómago.

Pobos con menos de 3.000 habitantes, Valadouro, Lourenzá, Trabada, estanlle
aprobando soldos de uns 2500 euros de media, coa que está caendo da crise,
paréceme un verdadeiro insulto. Nunha comarca con moitos parados, bastante
deles por culpa deses mesmos alcaldes e ou dos seus partidos, que impulsaron
para adiante un urbanismo descontrolado, agora que pisan moqueta e sentan
nas cadeiras da alcaldía, os primeiros acordos que promoven, son os de que
lles aproben uns bos emolumentos. Primeiro eu e logo o interese xeral, non
si?

A gran pregunta que moitos nos facemos, é que canto cobraban os sres.
Alcaldes no anterior traballo? Ou volvendo a pregunta polo revés, canto
cobra agora Pepito Rivera en Alcoa, despois de deixar a alcaldía de Foz.

Repito, considero unha auténtica burla aos cidadáns, poñerse estes soldos.
E aínda se preguntan algúns porque está indo en aumento a protesta dos
indignados. E mais que tería que haber, pois se ollamos a nivel nacional,
creo que estarán de acordo comigo, na burrada que supón que o sr. Bono cobre
12000 euros/mes, iso si despois de baixalo algo, ou a sra. Cospedal estaba
percibindo uns 22000 euros/mes. Todo isto aliñado moitas veces coa
ocupación de dous ou tres cargos, que sempre hai excepcións coas
incompatibilidades para estas xentes, ou que aos deputados e senadores non
lles desconten do soldo para o IRPF.¡ Pero en que país vivimos !

Desgraciadamente a media dos soldos en España está nuns 1000 euros, iso
para os que teñen traballo. Din os expertos que un 70 % dos asalariados non
pasa de ser mileurista. Polo tanto, creo que hai que tomar medidas drásticas
de baixar por lei eses soldos, que paguen impostos segundo o que cobran, sen
excepcións, incluído por suposto os banqueiros e grandes capitais. Rematar,
dunha vez cos paraísos fiscais, e que non fagan pagar a crise aos de abaixo,
coma sempre.

Brais-Foz

Exit mobile version