Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolle a XXIV Asemblea do Apostolado do Mar ata o sábado

REFERENCIA

O director xeral dos Recursos Mariños destaca o labor do Apostolado do Mar a prol dos mariñeiros galegos

Viveiro (Lugo) 1 de xuño de 2011.- O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, destacou hoxe o traballo que o Apostolado do Mar fai en favor dos profesionais do mar. Fíxoo na apertura oficial da XXIV asemblea do Apostolado do Mar, en Viveiro. O simposio, que ten como lema oficial “Cultivar e transmitir a fe dentro da familia mariñeira” conta cun programa de actos relixiosos e charlas e concluirá o sábado.

Pablo Fernández salientou a fonda tradición relixiosa “que impregna a vida dos mariñeiros e das súas familias que se cimenta sobre a busca do amparo e protección para as súas actividades laborais no mar”. Para o director xeral esta devoción “amósase día a día no seu labor e sobre todo nos momentos de perigo que a diario xorden no océano”.

“Non hai pescador e navegante que refute pór a súa propia vida en perigo se é a do seu compañeiro a que está no precipicio da morte e é preciso socorrelo” asegurou. “É precisamente ese espírito de axuda ao próximo, esa xenerosidade e ese sentimento de esperanza a que está a cultivar o Apostolado do Ma nas xentes do mar” dixo.

Ao respecto sostivo que “é necesario entre todos sumar esforzos para levar adiante avances na dignificación da vida humana no mar, sexa no ámbito que sexa”, e agradeceu “o amparo e a protección” do Apostolado do Mar nos seus 100 anos de historia “en todas as costas do mundo”.

Exit mobile version