Site icon Crónica3.com A Mariña

Vivencias dunha viaxe educativa a Cataluña

Como actividade de clausura do presente curso académico, nos últimos días de xuño realizamos unha excursión educativa a Cataluña. Era o merecido premio para un grupo de mozas e mozos que acaban de obter a graduación do Ensino Secundario Obrigatorio no IES Monte Castelo de Burela.
Escollemos Cataluña porque aquela comunidade e a nosa son dúas ribeiras opostas que sempre estiveron conectadas; dúas terras que miran de fronte ao mar, sexa este o Mediterráneo ou o Atlántico. Cos cataláns compartimos o amor pola terra que se exterioriza na protección do noso, da nosa identidade. Uns e outros sabemos que o feito de ser catalán ou galego, antes que algo romántico, é un compromiso con nós mesmos, con ese patrimonio cultural e material que imos deixar aos nosos fillos.
Entre Cataluña e Galiza hai 1000 kilómetros de separación física, mais sempre existiu un grupo de emprendedores que puxeron en contacto as dúas comunidades. Os cataláns modernizaron o sector industrial e pesqueiro desde o século XIX. Os galegos foron a Cataluña, como a outros sitios, en busca dunha vida mellor e alí acharon unha boa acollida.
Situadas lonxe no espazo, xenealoxicamente Cataluña e Galiza están unidas polas nosas linguas, dúas irmás fillas da lingua latina que os romanos trouxeron á Península Ibérica, e a estas alturas da historia case todo o mundo sabe que a lingua é o elemento máis importante na constitución da identidade, o que marca a fronteira entre o animal e o humano, un poderosísimo sistema de expresión e un valioso elemento de comunicación.
A lingua catalá goza de excelente saúde e é o elemento común entre os autóctonos e os inmigrantes de distinta procedencia que, na segunda xeración, falan catalán. O galego, en cambio, é unha lingua enferma que sofre un progresivo proceso de abandono na medida en que algunhas persoas van deixando o rural e se converten en “urbanitas” que limitan o emprego da lingua espontánea a un uso puramente administrativo e protocolario. Un segmento da nosa poboación esqueceu que os galegos somos o que somos, en palabras de Castelao, “por obra e graza do idioma”.
Agora que as transformacións das comunicacións permiten un trato máis intenso entre as dúas realidades nacionais, decidimos profundizar nesa relación e para iso escollemos Cataluña como destino da nosa viaxe educativa de fin de curso. Queríamos mostrar ao noso alumnado que as empresas galegas contan hoxe con representación en Cataluña (INDITEX, Sargadelos, Grupo San José…) e que o mesmo ocorre á inversa con La Caixa, Freixenet, Banco Sabadell, Custo… que teñen sucursais na nosa terra. Mais tamén queríamos profundizar no pasado e mostrar como Barcelona e Compostela, Barcino e Campus Stellae, cidades emblemáticas das nosas respectivas Comunidades, teñen esa capacidade de enlazar a tradición histórica co futuro.
En vivo e en directo comprobamos que os galegos en Cataluña, como noutros lugares do mundo, promoveron unha intensa actividade cultural vinculada ao Centro Galego de Barcelona fundado nos anos vinte do século pasado, o terceiro máis antigo do mundo despois dos de Bos Aires e A Habana. Agora, xa de volta, queremos agradecer ao seu presidente, Don José Méndez, a calorosa acollida que nos brindaron neste San Xoán de 2011, unha noite máxica na que fixemos que ardese o lume novo en fogueiras galego-catalás.

María do Carme Cociña

Exit mobile version