Site icon Crónica3.com A Mariña

Wikingos en Foz

WIKINGOS EN FOZ

O pasado febreiro, co desfile do antroido, no que Os Larpeiros, ano tras ano, presentan a súa carroza, sempre sorprendente, nesta ocasión ofrecía á contemplación do público, a que, tras sinalado esforzo, convertiron nunha preciosa nave wikinga, que xa observáramos, en construcción, no improvisado asteleiro de Carlos Neira, “o Polaco”, baixo a dirección de Pedro Fraga, de Aurelia, experto carpinteiro de ribeira, que resultou a gran atracción do devandito desfile. Pola súa magnitude (20 m. de eslora), a beleza das liñas e a fidelidade da réplica, publicamos un comentario que titulamos: “¿Wikingos en Foz?”. Ollando a nao, e por asociación de ideas, acudíu ó noso maxín a lembranza da vella lenda, ben coñecida, referida ó feito miragroso que a tradición atribue a San Gonzalo, o Bispo Santo: a destrucción da armada normanda que, alá polo século IX, se dispuña a invadir as nosas costas. Istes bárbaros do norte, que a onde chegaban arrasaban canto saía ó paso, cometendo as mais despiadadas violencias contra os habitantes, infundiron o medo entre os mesmos que, impotentes ante tal ameaza, acudiron ó Bispo Gonzalo, que tiña soa de miragreiro, pedíndolle a intervención, para libralos de tan inminente perigro…Conta o relato que o bispo, seguido do pobo, saíu en procesión e chegou ó alto da Grela, onde se atopa a ermida, e, dende alí, rezando avemarías, foi afundindo unha a unha as naves, deixando dúas en liberdade, para que foran polo mundo contando o miragre, do que acababan de ser testemuños. Laiábase o cronista de que nunca os focegos fóramos quen de poñer en valor o que é patrimonio da nosa cultura, da historia e das nosas tradicións. Pero desta vez, atopou eco: foi Paleo, o presidente da ACIA, que, recollendo a suxerencia, anunciounos que o colectivo que preside ía tomar a iniciativa, coa intención de facer dela a grande celebración anual da nosa vila, baseada nun feito – mítico ou real – que foi motivo de páxinas literarias, de poetas, escritores e historiadores; é decir, dende o soporte cultural.¡Ao fin! Sen dúbida será iste un agosto singular. Nono perdas de vista, lector amigo.
Suso Fernández

Exit mobile version