Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegada da Xunta foi nomeada Monteira Maior da Rapa das Besta de Candaoso

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS AGRADECEU O NOMEAMENTO COMO MONTEIRA MAIOR DA RAPA DAS BESTAS DO CURRO DE CANDAOSO, UNHA TRADICIÓN CON 40 ANOS DE HISTORIA

A delegada territorial gabou a xestión conxunta do monte veciñal que realizan, mediante convenio, os comuneiros e a Consellería de Medio Rural

Viveiro, 3 de xullo de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, recolleu hoxe o título que a acredita como Monteira Maior da Rapa das Bestas do Curro de Candaoso (Viveiro), sendo así a segunda muller distinguida con este nomeamento nos 40 anos de historia desta tradición –a primeira foi a exconselleira Manuela López Besteiro-.

A delegada compartiu a festa, declarada de interese turístico nacional, cos numerosos veciños e visitantes que se achegaron ao monte de Buio a disfrutar desta antiga operación de corta de colas e crinas, así como de doma de cabalos en estado salvaxe que se crían nesta serra.

A delegada aplaudiu o labor dos membros da comunidade de montes, que manteñen viva a Rapa das Bestas ao tempo que continúan unha actividade económica tradicional. Así mesmo, Arias reivindicou o papel da muller nesta celebración popular, destacando que “se só fose cuestión de forza, quizais sería distinto, pero na rapa e en todo o que comporta é fundamental a intelixencia, por iso temos moito que dicir. Nesta difícil tarefa do medio rural tamén se presentan individualidades femininas destacadas”.

O monte veciñal en man común de Buio pertence aos veciños de San Andrés de Boimente e teñen concertada parte da xestión do monte coa Consellería de Medio Rural, que desenvolve un sistema de xestión forestal sostible para asegurar a súa funcionalidade económica, social e ambiental.

Raquel Arias gabou este sistema de xestión que implica aos comuneiros e á Administración, defendendo que “mantén a estrutura social, mellora as economías locais e preserva o ecosistema”.

O aproveitamento máis habitual do monte é o pastoreo de gando bovino -nas máis de 300 hectáreas dedicadas a pasteiros- e equino, estendéndose este por practicamente toda a superficie (1.002 hectáreas). A comunidade de montes, que preside Antonio Yáñez Rúa, conta cun censo de équidos que supera amplamente os 200 animais.

Exit mobile version