Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegada da Xunta visitou o centro concertado San Aníbal de Burela

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS VISITOU EN BURELA O CENTRO CONCERTADO SAN ANÍBAL, QUE OFRECE APOIO TÉCNICO ÁS FAMILIAS E ATENCIÓN DE DÍA A MENORES

A institución ofrece tamén vivendas tuteladas para mulleres inmigrantes con menores a cargo, sufragadas a través da Secretaría Xeral de Emigración

Burela, 1 de xullo de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o alcalde de Burela, José María González Barcia, visitaron hoxe o centro concertado San Aníbal, que desenvolve actuacións con familias e menores en xeral, así como un programa de acollida a dirixido a mulleres inmigrantes con menores ao seu cargo.

A delegada tivo oportunidade de coñecer o traballo social que se realiza no centro, rexido pola orde relixiosa das Irmás Rogacionistas. A institución dispón de 20 prazas no programa de atención de día a menores e conta con dúas vivendas tuteladas para as mulleres inmigrantes e os seus fillos, servizos ambos que sufraga a Xunta de Galicia.

Así, a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, financia o 100% das prazas de atención de día a menores, o que significa un investimento mensual de preto de 25.000 euros. Así mesmo, a actual Xunta de Galicia, a través deste departamento autonómico, entregou un vehículo para o traballo do centro.

Este orzamento permite manter a liña de traballo cos nenos e nenas que, por diversas circunstancias, precisan ser atendidos polo día, ata que a súa familia se pode facer cargo deles. Durante a súa estancia realizan actividades de tipo lúdico e cultural, toman a merenda ou realizan os deberes escolares.

Poden optar a estas prazas menores de ata 18 anos e, como resulta habitual nestes procedementos, son os servizos sociais do concello os que presentan un informe á Xunta sobre a necesidade de prestar este servizo ás familias.

A consellería avalía os expedientes e igualmente comproba que o tipo de prestacións que reciben os menores sexa a axeitada, sendo o propio centro o que determina as cuestións organizativas, como actividades e horarios concretos.

Con respecto ás vivendas tuteladas, financiadas a través da Secretaría Xeral de Emigración, están destinadas a acoller a mulleres inmigrantes con menores a cargo e sen suficientes recursos económicos. A Xunta destinou este ano 26.710 euros ao mantemento deste programa.

A delegada territorial gabou o traballo que se leva a cabo no centro e incidiu na necesidade de afondar “nestas liñas de cooperación entre administracións e entidades privadas”, xa que -explicou- “permiten optimizar os recursos dispoñibles e polo tanto ofrecer máis e mellores servizos ás persoas que os necesitan, o cal sempre resulta interesante e en tempos de crise como o actual é imprescindible”.

Exit mobile version