Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación adiantará o aval necesario para que o Breogán asegure a súa participación da LEB

Nota de prensa:

A DEPUTACIÓN ADIANTARÁ O AVAL NECESARIO PARA QUE O BREOGÁN ASEGURE A SÚA PARTICIPACIÓN NA LEB

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, informou de que o aval será adiantado como unha parte da subvención nominativa que recibe o CB Breogán de cara á vindeira tempada

Veiga tamén anunciou a sinatura do protocolo de colaboración entre a Deputación e catro balnearios lucenses para o programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”

LUGO. 15 de xullo de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, informou hoxe, na rolda de prensa posterior á primeira Xunta de Goberno da Deputación da nova lexislatura, de que se aprobou a formalización do aval bancario a favor do CB Breogán, que constitúe o compromiso de incluír no orzamento do ano 2012 a cantidade de 218.000 euros, prevista para avalar ao C.B. Breogán nas competicións nacionais organizadas pola FEB na tempada 2011-2012, como parte da subvención nominativa que a Deputación de Lugo ten previsto conceder ao club no vindeiro ano, ao fin de sufragar os gastos da tempada 2011-2012.

Noutra liña de asuntos, Antonio Veiga informou da aprobación do protocolo de colaboración, por un importe de 60.000 euros, entre a Deputación e catro balnearios lucenses, o de Río Pambre, Pantón, Guitiriz e Lugo para o programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”, que está aberto desde xuño e que proporciona mediante reserva na propia web da Deputación prazas subvencionadas para o benestar das persoas maiores.

Por outra parte, aprobouse unha liña de colaboración coa Fundación Balogal co propósito de difundir a práctica do baloncesto polos concellos lucenses, a través dun completo programa formativo denominado Todos, a xogar!, que estará dotado cun importe de 200.000 euros.

Ademais, Antonio Veiga informou da aprobación de varios puntos referidos a corrección de diversos erros, addendas a convenios e renuncias de subvencións aceptadas por parte da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Neste sentido aprobouse a segunda addenda do convenio celebrado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Sarria, para levar a cabo as “Obras pendentes de execución para a adaptación da cárcere comarcal” co fin de ampliar os prazos de execución e execución da mencionada obra, executando a totalidade das actuacións na anualidade 2011, e presentar a xustificación de gastos con data límite de 30 de setembro de 2011. Aprobáronse tamén a renuncia do Concello de Becerreá á subvención concedida por importe de 1.100 euros para promocionar un curso de natación, debido a que a piscina non está operativa este ano, e a renuncia do Concello de Vilalba á subvención concedida por importe de 4.000 euros para o cambio de caldeira e calefacción no centro socio-cultural do Concello.

Aprobouse, por último, a proposta de corrección de erro aprobada por acordo da Xunta de Goberno de 6 de maio de 2011, relativa á concesión dunha subvención a Asociación para a protección de persoas con discapacidade intelectual (PRODEME), e corríxese o erro no sentido de que figuraban mal as anualidades quedando: anualidade 2011: 100.000 euros e anualidade 2012: 60.000 euros.

Exit mobile version