Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación executará obras na provincia por valor de 1,4 millóns de euros que benefician a máis de 127.000 veciños

Nota de prensa

A Deputación executará novas obras na provincia por valor de 1,4 millóns de euros que benefician a máis de 127.000 veciños

– Trátase de 5 actuacións que afectan a 7 Concellos coas que o organismo provincial aumenta a obra pública ó tempo que dota de servizos básicos ós cidadáns e mellora a rede viaria

– A Deputación contrata o acondicionamento do último treito da estrada de Cereixal a Louxas, co que completará a mellora deste vial que ten 26 quilómetros de lonxitude

A Xunta de Goberno deste venres aprobou cinco novas obras que a Deputación executará proximamente en varios Concellos da provincia. Teñen un importe 1,4 millóns de euros e benefician a máis de 127.300 veciños dos municipios de Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, Fonsagrada, Lugo e Monforte de Lemos. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que “son actuacións todas elas moi demandadas polos veciños e que se suman a outras que xa están rematadas ou a piques de finalizar como as anunciadas na pasada Xunta de Goberno: 7 actuacións que suman preto de 3 millóns de euros. A Deputación está a facer obras de todo tipo, non como a Xunta de Galicia que nin está nin se lle espera”.

Deste xeito, dentro do Plan de Obras e Servizos deste ano, aprobouse a contratación do acondicionamento dos 7,5 quilómetros da estrada provincial 0708 que vai de Cereixal a Louxas. Este é o único tramo que faltaba por arranxar deste vial, xa que no anterior mandato melloráronse os 18 quilómetros restantes. Para Martínez “isto demostra o enorme esforzo que estamos a facer por mellorar a rede viaria provincial. Esta estrada é a espina dorsal de catro Concellos, o que implica que rexistre un alto nivel de tráfico sobre todo nestas datas ó comunicar incluso cos Ancares de Leon”.

O presuposto desta actuación é de 532.000, que serán financiados ó 50% polo Ministerio de Administracións Públicas e a Deputación, tal e como establece o POS que foi aprobado polo Pleno en abril. Trátase dun Plan que está a dar moi bo resultado e que é un extraordinario instrumento de cooperación cos municipios, xa que permite dotar de servizos mínimos e necesarios ós núcleos rurais.

O Plan de Obras e Servizos está dotado con 5,5 millóns de euros, dos que 1.650.000 destinánse á mellora da rede viaria provincial e 3.838.000 á execución actuacións de competencia municipal. Ademais da obra adxudicada hoxe, a iniciativa inclúe a mellora doutras tres estradas que afectan ós Concellos de Navia de Suarna, Ourol, Viveiro e Sarria.

Outras obras adxudicadas

Así mesmo, dentro do Plan Extraordinario de Obra pública adxudicouse a rexeneración e pavimento da Avenida da Coruña e de Fingoi, en Lugo. Estas actuacións, que ascenden a 453.229 euros, forman parte do convenio de 1 millón de euros que o Concello asinou coa Deputación.

Tamén, dentro desta iniciativa, levarase a cabo a reforma do centro da terceira idade de Monforte de Lemos por importe de 344.638 euros. Esta era a última obra que faltaba por adxudicar do convenio. “É dicir, nestes momentos, a Deputación fixo todos os deberes, executando o 100% do millón de euros destinado a este municipio”.

A través deste acordo, o voceiro provincial socialista subliñou que neste muncipio tamén se están mellorar varias infraestruturas viarias, así como a rehabilitación de Casas-Escola en distintas parroquias e a reforma do alumeado público e de prazas urbanas. Neste mesmo Concello, pero dentro do canon, adxudicouse a iluminación do paseo fluvial do río Cabe por valor de 77.000 euros.

Exit mobile version