Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación puxo en marcha novos cursos no INLUDES co fin de formar a 60 desempregados

Nota de prensa

A Deputación favorece que 60 novos desempregados da provincia atopen traballo nas profesións con máis futuro

– Trátase de 4 novas accións formativas, subvencionadas pola Consellería de Traballo e impartidas polo INLUDES, e que están estreitamente relacionadas cos sectores laborais máis demandados: sociosanitario, medio ambiente e novas tecnoloxías

– Para favorecer a participación, tanto na formación teórica como na práctica, os beneficiarios reciben unha axuda máxima de 400 euros, equivalente ó 75% da contía establecida polo IPREM

– Esta iniciativa, coa que a Deputación contribúe a frear o paro, súmase ó Pacto Provincial polo Emprego; programa co que se duplicará a formación remunerada que se presta na actualidade, ampliando as prazas de 576 actuais a 1.200

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, supervisou este luns o funcionamento dos novos cursos que puxo en marcha a Deputación no INLUDES para crear novos postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro. Trátase de 4 novas accións formativas que está a impartir o Institución de Desenvolvemento Económico e Social e que benefician a 60 desempregados da provincia. Lara Méndez destacou que “na Deputación temos unha teima: baixar a lista de parados. Por iso, iniciativas coma esta, que apostan por unha formación de calidade para dar unha saída laboral estable que perdure no tempo, creo que son útiles para todos. Ademais, os cursos tiveron un gran éxito de convocatoria. No INLUDES rexistrouse unha auténtica avalancha de peticións, chegando a triplicarse o número de solicitudes con respecto ás prazas ofertadas. Deste xeito, seguimos con ese obxectivo de seguir dando alternativas de futuro a aquelas persoas que ó mellor xa acabaron a súa formación reglada ou que por idade teñen máis dificultades”.

As accións formativas dispoñen de 1.320 horas de docencia e están estreitamente relacionadas coas áreas sociosanitaria, medio ambiente e novas tecnoloxías. Todas están xa a pleno rendemento e, nalgúns casos, algunhas aproxímanse ás 500 horas. En horario de mañá desenvólvense as de Monitor Sociocultural e Técnico de Sistemas en Enerxías Renovables e, pola tarde, as de Técnico de Nutrición e Dietética e Auxiliar de Enfermeiría en Xeriatría.

Co obxectivo de favorecer a participación, tanto para a formación teórica como práctica, os participantes reciben unha axuda máxima de 400 euros para gastos de transporte, conciliación e inserción, equivalente ó 75% da contía establecida polo IPREM. Así mesmo, para garantir a eficacia da formación, os cursos, que están financiados con 150.000 euros pola Consellería de Traballo, só teñen unha capacidade para 15 persoas.

Unha vez rematada a parte teórica, a Deputación buscará as empresas para as prácticas profesionais, procurando que estean o máis próximas ós domicilios dos beneficiarios e para aforrar ó alumnado os gastos de desprazamento.

Novos fondos para reducir o paro

Esta iniciativa súmase a outras coas que a Deputación contribúe a frear o paro na provincia. É o caso do programa europeo Pacto Provincial polo Emprego, a través do que o organismo provincial xa está a formar a 576 desempregados nas profesións diagnosticadas previamente como as de maior futuro en Lugo. Destes, 250 xa iniciaron as prácticas en empresas. Precisamente o 27 de xullo comezarán esta parte da formación os participantes do curso de “Operacións básicas de pisos e aloxamento” que se está a desenvolver en Viveiro, Rábade e Sober.

Un total de 1.600 persoas formalizaron a solicitude para participar na 1º convocatoria deste programa, case o triple das prazas ofertadas. Tendo e conta o seu éxito, a Deputación formalizou en marzo a solicitude ante o Ministerio de Política Territorial para acadar novos fondos europeos que permitan dar continuidade a este programa, a través dun novo proxecto: Pacto polo Emprego 2 que, novamente, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80% e conta cun investimento total de 3.571.526 euros, de tal xeito que é o proxecto que conseguiu máis fondos en Galicia dos subvencionados polo FSE.

Ante os bos resultados, a institución provincial creará nos próximos catro anos máis traballo nos novos nichos de emprego; duplicará a formación remunerada que a Deputación presta na actualidade, ampliando as prazas de 576 participantes actuais a 1.200; e facilitará que os beneficiarios poidan obter o Certificado de Profesionalidade, que é imprescindible para moitas profesións.

Exit mobile version