Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rematará en quince días obras en 7 concellos por valor duns 3 millóns de euros

Nota de prensa

A Deputación rematará en quince días obras en 7 Concellos da provincia por valor de preto de 3 millóns de euros

– Con estas actucións, incluídas no Plan Extraordinario de Obra Pública e coas que se manteñen máis de 200 empregos, dótase de servizos básicos ós veciños das Nogais, Corgo e Begonte, e mellórase a rede viaria de Pedrafita, Portomarín, Foz e Rábade

– O organismo provincial subvenciona con máis de 270.000 euros os soldos dos bombeiros interinos do parque de Monforte ata a súa integración no Consorcio

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, anunciou este venres que a Deputación rematará ó longo deste mes 7 novas actuacións incluídas dentro do macro plan de obra pública creado en 2010 para adiantarse á saída da crise e manter os postos de traballo existentes na provincia. García Porto subliñou que “estamos a realizar un enorme esforzo inversor para dotar de servizos básicos ós veciños e para mellorar a rede viaria provincial, garantindo a seguridade dos seus usuarios. Este esforzo tradúcese nun aumento da obra pública, xa que cantas máis obras fagamos, máis empregos se manteñen, máis impulsamos un dos sectores que se están a ver gravemente perxudicados pola crise, como o da construción, e máis impulsamos a economía provincial”.

Con estas actuacións, que supoñen un investimento de preto de 3 millóns de euros, o organismo provincial dá traballo a máis de 200 persoas polo que, tal e como destacou a Deputada, “seguimos sendo o principal motor de emprego da provincia. Isto confirma os datos proporcionados pola Federación Galega da Construción quen estes días afirmaba que, grazas á Deputación, a obra pública na provincia mantense. So no primeiro semestre deste ano investíronse 30,1 millóns”.

As obras que están a piques de rematar son as seguintes: pavimentación e servizos na rúa Ubaldo Martínez das Nogais (312.000 euros); mellora de infraestruturas e de abastecemento en Begonte (334.000 euros); acondicionamento da estrada de Reiriz a Espiñeira en Foz (550.000 euros); mellora da estrada de Alto Valiño a Valdeporrás en Portomarín (600.000 euros); reparación de estradas provinciais en Rábade (300.000 euros); acondicionamento da estrada de Louzarela en Pedrafita (450.000 euros); e saneamento de Arxemil no Corgo (243:000 euros).

Bombeiros de Monforte

A Xunta de Goberno aprobou a addenda ó convenio subscrito entre a Deputación e o Concello de Monforte de Lemos en maio para o financiamento dos soldos dos bombeiros interinos do parque das Lamas ata a súa integración no Consorcio. Deste xeito, o organismo provincial garante que os 4 profesionais que se atopan neste grupo cobren a súa nómina como cada mes ata o momento da integración, ó igual que ó resto de bombeiros que dende o día 1 de maio prestan o seu servizo nos parques de Barreiros, Vilalba, Viveiro, Sarria e Chantada.

O importe da addenda é de 140.650 euros que se suman ós 130.000 concedidos xa no marco do acordo asinado entre a institución provincial e a entidade local hai dous meses. No caso dos outros 5 bombeiros, que eran funcionarios de carreira, o Concello aprobou por unanimidade en marzo a súa integración na área municipal de recente creación denominada “Servizos á Comunidade”.

A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace a 10 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2010. Suman 122.850 euros, dos que a Deputación achega 79.183. Pertencen ós Concellos de Guitiriz (2), Navia de Suarna (2), Castroverde, Palas de Rei, Sarria, Triacastela, Xove e Monterroso.

Exit mobile version