Site icon Crónica3.com A Mariña

A música terá un protagonismo especial na programación cultural de Ribadeo para este verán

Nota de prensa:
A MÚSICA TERÁ UN PROTAGONISMO ESPECIAL NA PROGRAMACIÓN CULTURAL DE RIBADEO ESTE VERÁN, QUE FOI PRESENTADA ESTA MAÑÁ POR MARILUZ ÁLVAREZ LASTRA. TAMÉN HABERÁ TEATRO, EXPOSICIÓNS E ACTIVIDADES PARA OS MÁIS PEQUENOS.

Ribadeo, 13 de xullo de 2011. A música terá un protagonismo especial na programación cultural de Ribadeo este verán, que foi presentada esta mañá pola concelleira Mariluz Álvarez Lastra. Tamén haberá teatro, exposicións, xornadas, cursos e actividades para os máis pequenos, a maioría ao aire libre.

A edil nacionalista dixo que “como ven sendo habitual Ribadeo ten moito tirón a nivel cultural e un conglomerado de todas as áreas fai que teñamos unha programación atractiva e que ao longo deste verán as persoas que nos visiten e os nosos veciños poidan gozar de diferentes actividades e xéneros”.

Álvarez Lastra subliñou que “ao longo de todo o verán a música terá un significado moi especial, por unha banda coas actividades que realiza sempre a nosa Coral Polifónica, a Banda Sinfónica Municipal, as agrupacións da Escola de Música tamén participarán en actividades de rúa, os grupos de música de Ribadeo e as pandereteiras das Anzas, que van ter unha presencia especial”. O 24 de xullo terá lugar na praza da Música o concerto do día da patria galega que ofrecerá a Banda de Música de Ribadeo.

A concelleira de Cultura contou que “a música tamén virá da man doutras formacións e teremos citas xa habituais en agosto como o festival internacional de música clásica e tamén este ano teremos música folk, a mostra folklórica e outros xéneros artísticos como a zarzuela e o jazz, ademáis dunha festa cubana que será ao aire libre”. O 28 de xullo dentro do ciclo Música na rúa haberá un concerto de percusión a cargo de Calabash e a festa cubana prevista para o día 29 de xullo estará amenizada por Jamila Purofilin.

Mariluz Álvarez Lastra sinalou esta mañá que “a maior parte das actividades, as que son de pequeno formato vánse realizar ao aire libre na zona do Cantón dos Moreno, do parque de San Francisco e nas Catro Calles e o resto das actividades que requiran de maior infraestrutura serán no Cine Teatro, porque é un lugar moi céntrico e querémoslle dar o uso que debe ter dinamizándoo cada vez máis”. E explicou que “para tentar aforrar en palcos e en infraestruturas ao aire libre, aínda que sería o noso desexo, pero dada a coxuntura económica na que estamos somos conscentes de que temos que utilizar os recursos do mellor xeito posible. O que se poida facer na rúa faráse así e despois as actividades de grande formato serán no auditorio municipal, alí terá lugar o festival de música clásica, a zarzuela ou o jazz e o teatro e outro tipo de actos previstos na nosa axenda serán no Cine Teatro”. O 30 de xullo no ciclo Teatro na rúa a compañía Teatro de Ningures porá en escea Os cómicos dell’auto. E o 31 de xullo chegará ao auditorio municipal A zarzuela máis divertida.

Forte San Damián

A edil de Cultura engadiu que “tamén terá un significado especial o Forte San Damián posto que alí haberá dúas actividades punteiras durante o mes de agosto. Alí poderáse ver Ribadeo na memoria, coas fotos das parroquias do noso concello. Será durante a primeira quincena de agosto e despois na segunda terá lugar unha nova edición de Mariñarte, que tradicionalmente se celebraba durante a semana santa e que este ano trasladamos ao verán. Queremos así dinamizar un pouco máis o enclave do Forte San Damián durante este verán”.

Mariluz Álvarez Lastra explicou que “as xornadas e os cursos terán tamén unha presencia importante. Esta semana, grazas á colaboración e ao convenio entre a asociación Francisco Lanza e o Concello, celebránse as xornadas de historia local este xoves e este venres ás 20:30 horas na Casa do Mar. E despois a vindeira semana os días 20, 21 e 22 teremos en colaboración coa USC o curso A Torre dos Moreno e a arte do seu tempo. Todas as persoas que o desexen ao marxe das matriculadas poderán asistir ás conferencias, xa que están abertas a todo o público”. E comentou que “si Ribadeo é un referente no teatro ao longo de todo o ano tamén o será no verán. Haberá varias reprensentacións en xullo e agosto para adultos e para nenos e remataremos co certame de teatro afecionado Daniel Cortezón, que se desenvolverá so 16 ao 18 de setembro”.

A concelleira do BNG apuntou que “a axenda cultural de Ribadeo complétase con todas as colaboracións que existen coas asociacións, coas festas que se celebrarán en moitas parroquias do concello. Nos hoteis estará a disposición o programa cultural deste verán, ao igual que nos taboleiros nas rúas e na páxina web do Concello. Convidamos a todo o mundo a disfrutar da nosa programación cultural e agardamos que todo resulte do agrado dos visitantes e da xente que todos os días formamos parte da nosa vila”.

Exit mobile version