Site icon Crónica3.com A Mariña

A pregoeira das festas do Carme de Foz reivindicou o papel das mulleres do mar

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS PREGOA AS FESTAS DO CARME DE FOZ REIVINDICANDO O PAPEL DAS MULLERES DO MAR E APELANDO Á SUPERACIÓN DA CRISE ECONÓMICA

Foz, 14 de xullo de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, foi a encargada de pregoar as festas da Virxe do Carme no concello de Foz, cun texto no que aproveitou para destacar o papel fundamental das mulleres do mar e apelando á superación da actual situación de crise económica.

Arias recordou que “a economía local sempre tivo un vencello co mar, a través do turismo e da pesca” e significou, facendo referencia á patroa dos traballadores deste último sector e protagonista das festas, que “hoxe é tamén un día para mirar á virxe acolledora en busca de amparo para que as dificultades económicas do país amainen”.

“Desexo, máis que nada, que a situación teña cambiado substancialmente a mellor o vindeiro ano –sinalou-; e fago deste desexo un estímulo para traballar cada día para o fortalecemento da nosa economía, do noso benestar e progreso, do noso futuro común”.

Arias destacou o papel fundamental que ten a muller dentro do mundo do mar, “non só porque na pesca se integran mulleres coa mesma bravura e entrega que calquera home, senón porque sempre a muller estivo tamén entregada ás tarefas vinculadas ao mar”.

Así, lembrou que a muller mariñeira sostivo a economía doméstica ao mesmo nivel que o home, reparando as redes, vendendo o peixe pola bisbarra ou ocupándose do coidado dos fillos e da casa.

A delegada tamén aproveitou para facer un repaso dos avatares históricos que ten deparado a Foz a súa relación co mar “dende os tempos de Roma, que atopou na nosa terra o ouro e o viño, a fin do mundo e a paz imposta a través de longuísimas guerras”, ata “a mítica pero real pesca das baleas no norte lucense, na que Foz tiña tanta importancia e actividade”.

Exit mobile version