Site icon Crónica3.com A Mariña

A UE premia a xestión da Deputación coa concesión de proxectos que suman 25 millóns de euros

Nota de prensa

A Unión Europea premia a xestión da Deputación de Lugo coa concesión de proxectos que suman 25 millóns de euros

– É un éxito rotundo e indiscutible, xa que o equipo de goberno conseguiu duplicar o seu peso nos fondos destinados a Galicia, pasando de captar o 15% ó 30% nesta convocatoria

– Os novos proxectos estarán dirixidos a: conseguir a estabilidade demográfica no rural, crear novos postos de traballo na provincia e potenciar a Economía Sostible

– O Innova-TE, o programa de administración electrónica considerado un exemplo non só en Galicia senón tamén en España, conseguiu o 3º financiamento máis importante do Estado

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este venres que o Ministerio de Política Territorial publica no Boletín Oficial do Estado a concesión de tres proxectos que suman 25 millóns de euros e que foron solicitados polo organismo provincial dentro da convocatoria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo. Gómez Besteiro subliñou que “é unha concesión con nota porque conseguimos o 90% do importe total que presentamos. En marzo concurrimos á estas axudas e hoxe, tan só nove días dende a toma de posesión e un día despois de presentar o organigrama de goberno, temos que dar a primeira boa noticia deste mandato: a UE premiou o traballo realizado pola Deputación, revalidando a confianza que xa nos demostrara hai tres anos, e apoiou os novos proxectos que presentamos”.

Dos 25 millóns de euros, a Unión Europea aportará o 70% no caso dos dous programas FEDER e o 80% no único do Fondo Social Europeo. É dicir, destinará á Deputación 18 millóns de euros e o organismo provincial aportará 7 millóns máis. O máximo mandatario provincial destacou que “a concesión, xunto co seu importe, é un éxito rotundo e indiscutible na xestión deste equipo de goberno. Se hai catro anos conseguimos o 15% dos fondos que viñan para Galicia, este ano duplicamos esa porcentaxe e captamos o 30% de todos os fondos na autonomía. Ademais, somos a única Deputación que Galicia que consegue o apoio de Europa para todos os proxectos presentados, sen ningunha exclusión”, a diferenza do que ocorreu nas administracións provinciais de Pontevedra, Coruña e Ourense. No primeiro caso, dous dos programas presentados resultaron eliminados e, as outras dúas non contaron aínda co respaldo da Unión Europea.

Éxito e obxectivos dos proxectos

A reorientación das políticas provinciais xa permitira que o equipo de goberno captase máis de 20 millóns de euros hai tres anos. Cos fondos xestionados no anterior mandato “a Deputación superou todas as auditorías con nota, sen ningún tipo de reparo por parte da Unión Europea, executando o 100% dos proxectos nos prazos marcados e poñendo en marcha programas tan coñecidos e que beneficiaron á economía provincial como poden ser: Km0 -do que dependen 3.000 postos de traballos directos e indirectos-, a plataforma de comercio electrónico LosprocdutosdeLugo.com, o acondicionamento das rutas de sendeirismo, a wifi da praza de San Marcos, etc”, explicou o Presidente. Esta xestión eficaz foi decisiva para revalidar a confianza da Unión Europea.

Os anteriores fondos europeos tiñan tres liñas de traballo: crear novos empregos como os chamados “empregos brancos” vinculados á área sociosanitaria, facer do medio ambiente unha oportunidade económica para Lugo e implantar a administración electrónica. Ademais de profundizar nestas liñas, os novos programas estarán destinados a: conseguir a estabilidade demográfica no rural, crear novos postos de traballo na provincia e potenciar a Economía Sostible. Os programas concedidos hoxe son os seguintes:

1.- Pacto polo Emprego II. Orzamento total: 3.571.526 euros. É o proxecto que conseguiu máis fondos en Galicia dos subvencionados polo Fondo Social Europeo. Creará traballo nos novos nichos de emprego; duplicará a formación remunerada que a Deputación presta na actualidade, ampliando as prazas de 576 participantes actuais a 1.200; e facilitará que os beneficiarios poidan obter o Certificado de Profesionalidade, que é imprescindible para moitas profesións.

2.- Segunda parte de LugO2. Dotado con 6.582.544 euros. A primeira parte limitábase a facer rendibles e actuar nas Reservas da Biosfera, pero co novo proxecto o programa estenderase a toda a provincia. Inclúe actuacións como: comercialización dos produtos autóctonos, agricultura e a gandeiría ecolóxica; aforro enerxético nos Concellos; unha nova edición do programa Km0, no que xa participaron 25.000 persoas.

3.-Innova-TE 2: O programa de administración electrónica considerado un exemplo non só en Galicia senón no Estado, conseguiu o terceiro financiamento máis importante de España: 14.7347.371 euros. “Inclúe actuacións como: ampliar ata 257 os trámites que os cidadáns poderán realizar cos Concellos e coa Deputación, converténdose nun referente en España na administración sen papeis; potenciar as actividades innovadoras de benestar social que melloran a calidade de vida da 3ª idade que na actualidade ofrece o centro “In Lugo” (na segunda planta da Escola de Imaxe e Son); seguir estendendo a banda longa na provincia, a pesar de que non é a nosa competencia directa, etc”, explicou o Presidente.

Departamento de fondos europeos

Besteiro concluiu que “moitas veces se cuestionaba o papel dos asesores políticos. Na Deputación de Lugo moitos deles foron clave para conseguir estes fondos”. No anterior mandato, o Presidente creou e dirixiu o departamento de fondos europeos, que nunca existira na Deputación, co fin de aproveitar as últimas oportunidades que había para conseguir fondos e preparar esta convocatoria.

Exit mobile version