Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA pide a colaboración dos grupos parlamentares para frear os desmáns urbanísticos da Xunta

Nota de prensa

ADEGA pide a colaboración dos grupos parlamentares para frear os desmáns urbanísticos da Xunta
Compostela, 7 de xullo de 2011. Nunha xuntanza conxunta cos voceiros dos grupos da oposición no Parlamento de Galiza, Tareixa Táboas (BNG) e Ismael Rego (PSdG), ADEGA pediulles colaboración para facer fronte á involución que en materia de urbanismo e ordeamento territorial está a promover a actual Xunta. Cuestións tan graves como o convenio e o plano sectorial de Barreiros, as modificacións da Lei do Solo, o asalto á Rede Natura ou a “doma e castración” da APLU, deben ser obxecto dun rexeitamento social e político dende todas as instancias galegas. Nestes intres de verdadeira emerxencia ambiental, nos que estanse a dinamitar os mínimos imprescindíbeis para unha xestión terrirorial sustentábel e conculdo a legalidade para substituida pola arbitrariedade do executivo, é imprescindíbel unha acción coordenada a todos os níveis.

ADEGA expresoulles aos voceiros parlamentares a súa firme intención de apelar a todas as instancias administrativas e xudiciais para frear este golpe de estado sobre o territorio que están a perpetrar Feijóo e Hernández.

Dende os dous grupos parlamentares (tense pedido tamén entrevista co do PP) expresouse o compromiso de desenvolver iniciativas conxuntas, nomeadamente nos casos do escandaloso urbanismo de Barreiros e da “deconstrución” da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), a axencia teoricamente independente encarregada de velar polo correcto cumprimento da lexislación urbanística e que o PP transformou en correa de transmisión do executivo.

En ADEGA temos moi claro non só está en cuestión este ou aquel modelo de desenvolvemento territorial: as accións lexislativas e executivas do PP atacan á base mesma do dereito e das leis urbanísticas, someténdoas á discrecionalidade do goberno de turno. Nen sequera durante a era Fraga coa polémica “Lei Cuíña” o ordeamento territorial foi obxecto de semellante desregulación. Nunha materia tan sensíbel como o urbanismo e o terrirorio, é preciso un consenso de mínimos entre todas as forzas políticas. Mais este consenso, este “pacto polo territorio” non pode facerse sobre a terra queimada, sobre un territorio no que as leis valen menos que as amizades de alcaldes e promotores.

Exit mobile version