Site icon Crónica3.com A Mariña

ACIG Ensino denuncia o atraso da Consellaría no pago dos comedores escolares

Nota de prensa

A CIG ENSINO DENUNCIA O ATRASO DA CONSELLARÍA NO PAGO DOS COMEDORES ESCOLARES

Os centros de ensino non poden pagar aos provedores desde hai tres meses

A Mariña, 1 de xullo de 2011.- A CIG Ensino da Mariña quere manifestar publicamente a súa denuncia polos atrasos da Consellaría de Educación no pago das cantidades asignadas aos gastos dos comedores escolares dos centros de ensino. A Consellaría leva sen pagar os meses de abril, maio e xuño cando o normal é facer o pago mensualmente.

A portavoz do sindicato, Dores Fernández Abel, afirma que esta situación totalmente anómala está provocando que moitos centros se atopen con graves dificultades para poder pagar aos seus provedores. “Á maioría dos centros debéselles entre 10.000 e 20.000 euros pero hai casos aos que se lles debe máis de 30.000 euros. Desta maneira os centros vense moi prexudicados na súa contabilidade e na súa imaxe”. Tanto é así, que algúns centros diante da imposibilidade de pagar teñen que pagar como poden, producíndose un desfase orzamentario á hora de pechar as súas contas con motivo do fin de curso.

Para a CIG Ensino esta situación é inxustificable posto que as cantidades para comedores escolares xa están asignadas nos Orzamentos da Xunta a principios de ano e polo tanto están dispoñibles en todo momento por parte da Consellaría. E ao mesmo tempo é unha actuación irresponsable posto que moitos provedores non poden esperar a que os centros de ensino lles paguen con tantos meses de atraso porque o están pasando mal nas circunstancias de crise na que estamos.

A CIG Ensino acusa á Consellaría de estar continuamente deteriorando a imaxe do ensino público e o seu normal funcionamento, Neste caso, recortando ano tras ano as cantidades para comedores escolares e atrasando sen xustificación o pago desas cantidades poñendo en apuros aos centros de ensino de todo o pais. Por iso, lle esiximos o pago inmediato aos centros de ensino das cantidades adebedadas por concepto de comedores escolares

Exit mobile version