Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco concelleiros de Cervo reuníronse para recibir a un neno saharauí e a familia de acollida

Cinco concelleiros de Cervo reuníronse para recibir a un neno saharauí e a familia de acollida

Nota de prensa

O CONCELLO COLABORA UN ANO MÁIS CO PROGRAMA DE ACOLLIDA “VACACIÓNS EN PAZ” PARA NENOS SAHARAUÍS

Cervo, 5 de xullo de 2011.- Este mediodía foi recibido nas dependencias municipais polos concelleiros Tania González (Asuntos Sociais), Yolanda Pedreira (Educación), Begoña Alonso (Medio Ambiente), Pilar Álvarez (Xuventude), e José Ramón Soto (Deportes) o único neno que pasará este ano o verán en Cervo acollido por unha familia do municipio ao abeiro do programa “Vacacións en Paz” organizado pola asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí.

Durante a xuntanza, Tania González indicou que este ano o Concello subvencionou con 1.780 euros a viaxe de dous nenos (890 por neno), pero problemas burocráticos de última hora impediron que o segundo neno puidera vir. Neste senso a responsable de Asuntos Sociais indicou que dende o Concello están a manter contactos coa asociación organizadora deste programa de acollida “para que nos dean as aclaracións e xustificacións oportunas do que aconteceu” dixo. A cantidade económica aportada polo Concello ten por obxecto sufragar os custes dos billetes de avión (ida e volta), póliza de seguro para cada un dos nenos acollidos; e os gastos dos acompañantes e de xestión.

Os representantes do equipo de Goberno municipal agradeceron á familia de acollida a posibilidade que lle brindan a este rapaz “para facer posible que veña a Cervo e que poida integrarse durante uns meses coma uns veciños máis”. Este neno, de nome Jassir e seis anos de idade, é a segunda vez que pasa as súas vacacións en Cervo, polo que xa non se sorprende tanto das diferenzas existentes entre o seu país de orixe e Galicia, pero aínda así sempre ten a oportunidade de descubrir algo novo.

Pola súa banda, a familia de acollida di sentirse satisfeita coa experiencia, e asegura que a seguirán repetindo.

O Concello de Cervo leva participando desde fai anos no programa de acollida “Vacacións en Paz”, organizado pola asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí coa colaboración de diversos concellos de Galicia. Esta iniciativa solidaria busca que os pequenos coñezan outra cultura e outro clima, gozando dunhas comodidades que non teñen onde viven. Neste senso Tania González lembrou que as altas temperaturas que se rexistran durante os meses de verán nos campamentos saharauís fai que a estadía destes pícaros en climas máis fríos sexa “case imprescindible” para o seu correcto desenvolvemento “xunto cós controis médicos que as familias de acollida lles fan”, sinalou.

Exit mobile version