Site icon Crónica3.com A Mariña

Derruban a cuberta dun edificio de Ribadeo “que o construtor non debeu facer e o alcalde non debeu permitir”

Derruban
Nota de prensa

NUNS DÍAS DARÁN COMEZO AS OBRAS DE DEMOLICIÓN E DE RECONSTRUCCIÓN POSTERIOR DA CUBERTA DO EDIFICIO DA RÚA IRMÁNS MORENO ULLOA, ESQUINA CON SAN FRANCISCO. SUÁREZ BARCIA ASEGURA QUE ÉSTE É UN CLARO EXEMPLO DO QUE ALGUÉN, O PROMOTOR, NUNCA DEBEU FACER E DO QUE O ALCALDE NAQUEL MOMENTO, RODRÍGUEZ ANDINA, NUNCA DEBEU PERMITIR.

Ribadeo, 14 de xullo de 2011. Nuns días darán comezo as obras de demolición e de reconstrucción posterior da cuberta do edificio ubicado na rúa Irmáns Moreno Ulloa, esquina con San Francisco. Nas últimas horas a empresa adxudicataria deses traballos e o Concello asinaban a acta de replanteo, segundo daba a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez Barcia.

O rexedor confirmaba que “no día de onte procedéuse a asinar a acta de replanteo de inicio das obras de demolición e de reconstrucción posterior da cuberta dese edificio entre a empresa adxudicataria da obra e os representantes municipais. Esta demolición e reconstrucción posterior ven motivada pola sentencia do xulgado contencioso-administrativo de Lugo de hai tempo e agora nos vindeiros días, de xeito irreversible, darán comezo eses traballos”.

Fernando Suárez mantivo xa coa comunidade de veciños afectada unha xuntanza “por ética e con ánimo pola miña de parte de facer as cousas o menos dolorosas posibles e coordinando as actuacións para ocasionar as menores molestias. Non é un día dos máis agradables para min porque a xente, e eu así o sinto, cando vimos á política sempre é para construir. Eu non veño á política para destruir nada, aínda que desde logo todos os que estamos na política activa temos que someternos ás leis e a quen dicta as sentencias”.

Para Suárez Barcia “éste é un exemplo claro do que alguén, no seu día o promotor, nunca debeu ter feito e do que o alcalde naquel momento, José Carlos Rodríguez Andina, nunca debeu ter permitido. Agora tres gobernos municipais despois no Concello temos que pagar os pratos rotos doutros e temos que gastar aproximadamente 190.000 euros de diñeiro público de todos os veciños e veciñas de Ribadeo, que temos que detraer doutras inversións máis positivas porque realmente o Concello está condeado a efectuar a demolición e reconstrucción posterior dado que a sentencia xudicial así o determinaba, sen perxuizo de que o Concello legalmente terá que recuperar todos eses cartos, terá que cobrarllo a quen é o responsable de todo isto ou a quen teña a responsabilidade actual”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “tamén recibín un novo requerimento xudicial nos últimos días vinculado á miña condición de alcalde, non como persoa física e cidadán, no sentido de advertirme novamente da demora que este caso está levando e das consecuencias xurídicas e legais que pode ter para calquera persoa que sexa alcalde negarse a cumprir sentencias xudicias firmes como é o caso. Máis nada debo dicir polo momento”.

Exit mobile version