DANI MARTÍN: ‘REGRESO AO BURELA FS CON ILUSIÓN E SEGURIDADE NO EQUIPO E EN MIN MESMO’
O salmantino Daniel Martín Martín regresa ao CD Burela FS para afrontar a tempada 2011-12 “con ilusión e seguridade” no proxecto persoal e colectivo. O ala-pivote de 22 anos, a súa capacidade goleadora e o seu desbordamento voltan á Mariña tras o debut na Primeira División en 2010-11, co Carnicer Torrejón; volta como un xogador máis maduro. “Volve o mesmo Dani Martín, coa mesma humildade e con máis ganas aínda, pero tamén coa aprendizaxe que outorga a máxima categoría” dixo o novo membro laranxa.
Dani Martín, que será presentado nos próximos días, amosouse entusiasmado na súa nova andaina xunto ao Burela FS tras formalizar o acordo. “O corazón e a ilusión por volver a Burela fixéronme rexeitar ofertas da Primeira División, que sempre resultan moi atractivas” explicou o salmantino, que tamén valorou o reencontro con antigos compañeiros: “Na decisión final influíu moito a continuidade de xogadores da miña anterior etapa aquí, coma o capitán, Juanma, ao que me une unha excelente relación”.
“Súbome ao barco consciente de involucrarme nun proxecto sen teito, con posibilidades de chegar á máxima categoría e esa é a mellor das motivacións” dixo Dani, que se mostrou moi optimisa con respecto á liga: “Coa mestura de xuventude e veteranía o equipo poderá recoller moi bos resultados nunha competición moi rifada, co revulsivo engadido que pretende incluír o Oxipharma Granada, a xulgar polo desembolso económico, como xa aconteceu co Puertollano nas tempadas anteriores”.
Na súa anterior etapa defendendo a elástica laranxa, en 2009-10, Dani Martín fíxose co título de pichichi burelista, con 28 goles na liga e 5 en play off. No paso pola elite, unha lesión de xeonllo impediulle culminar a boa traxectoria da primeira volta, con 4 tantos.