Site icon Crónica3.com A Mariña

Do Carme, en Foz

DO CARME, EN FOZ

Con gran brillantez celebráronse as tradicionais festas do Carme ás que asistiu a maior multitude da súa historia. Efeméride fondamente sentida, pois nela mestúrase a ledicia do momento coa nostalxia de vivencias tráxicas que, en casos, marcaron para sempre ás persoas. Aos vellos focegos resúlta difícil nestas datas afastar da lembranza a maior traxedia do noso mar: o naufraxio do Jesús Nazareno, no que finaran os doce tripulantes. Era polo Carme de 1945; hai 66 anos…En todo caso, e a pesar da perda da primacía mariñeira, os focegos mantemos vivo o espíritu da tradición que foi razón de ser da nosa sociedade, que definíu o carácter, a idiosincrasia, resultas das circunstancias que determinan a formación do talante, neste caso, o mar e o seu mundo engaiolante… E desta vez ese espìritu reavivouse con especial énfase, e a participación foi notoria, na confección das alfombras, na procesión, nos levadores da virxe, na orde, nas cancións, e nas facianas emocionadas de tanta xente… Daba a sensación que se producira un espertar colectivo para manter a vella tradición…Queremos suliñar o que ven sendo, para nós, o mellor número do verán: o festival “Aires do Masma”que vivíu a XII edición, baixo o control de A Subela, colectivo que día a día se afianza no seu labor e que, ano tras ano, non deixa de sorprender co adianto en compoñentes e na calidade das execucións das danzas e os sons das súas gaitas. Os nosos parabéns. Con tal evento vivimos un espectáculo de grande calidade, pois a ésta acompañárona colectivos tan prestixosos como O Arco da Vella, nave que capitanea o amigo Enrique Penabade, todo un persoeiro na práctica do folclore na Mariña, e que, ó remate da súa actuación coa contundente jota de Luiña, arrincou entusiastas aplausos. Memorable o grupo Coros e Danzas de Fuensalida, Toledo, sorprendente dada a calidade artística, a posta en escena e a simpatía dos seus compoñentes. Foi sen dúbida todo un éxito este XII Festival “Aires do Masma” A nosa felicitación para A Subela, responsable da perfecta organización.

Suso Fernández

Exit mobile version