Site icon Crónica3.com A Mariña

Edu deixa o CD Burela FS e vai ao Oxipharma Granada FS a tempada 2011-12

Nota de prensa

EDU DESPÍDESE DO BURELA FS PARA INCORPORARSE AO OXIPHARMA GRANADA FS

O naronés Edu non lucirá o dorsal número 1 do CD Burela FS en 2011-12. Tras catro tempadas na Mariña, o gardameta despídese dos aires galegos, coa carta de liberdade, para incorporarse ao Oxipharma Granada FS, que competirá na Segunda División cos burelistas a vindeira tempada.

“Edu aínda tiña pendente un ano de contrato, pero cando nos transmitiu o desexo de abandonar o club, non puxemos ningún obstáculo. A nosa intención era contar con el para 2011-12 pero concedémoslle a carta de liberdade porque non queremos coartar a súa progresión profesional” explicou José Luis Sáez, director xeral do CD Burela FS. “Agardamos que este verdadeiro profesional teña a mellor das fortunas no seu novo proxecto. A entidade sempre terá as portas abertas para acollelo entre a gran familia laranxa” dixo o directivo.

O que se converteu na referencia defensiva da escuadra laranxa e de toda a División de Prata nos últimos exercicios despediuse notablemente emocionado. “Só teño palabras de agradecemento para a directiva, a afección, moi especialmente para a peña A Pataca Naranxa, e todos os burelaos. Durante estes anos, Burela foi a miña casa, sentinme como un veciño máis; todo foron mostras de agarimo e bo trato, dende o ánimo das bancadas ata os comentarios pola rúa” confesou Edu, que recoñeceu a de Granada como “unha boa oportunidade para a miña carreira á que non podía renunciar, aínda que a decisión foi moi difícil”. “Levo un recordo marabilloso da xente de Burela e da vivencia do fútbol sala; xa agardo con inquietude o 17 de marzo de 2012 para volver vivir o espectáculo de Vista Alegre, pero desta vez como rival” concluíu Edu.

Exit mobile version