Site icon Crónica3.com A Mariña

En defensa da Sanidade Pública

*

Nestes momentos de desacougo, nos que palabras como crise, débeda e contención do gasto son parte do día a día de moitas familias e institucións, cómpre especial relevancia a posta en marcha de ferramentas útiles que permitan facer compatible a imprescindible austeridade coa prestación dos servizos públicos con calidade e eficacia.

Ante este reto hai dous modelos distintos: o que está a practicar o PSOE, que se basea en recortes no ámbito do benestar e dereitos sociais, como é o caso das pensións, dos salarios dos empregados públicos, a suba do IVE, do gas e da luz ou o abaratamento do despedimento; ou o modelo do Goberno Feijóo que non busca facer pagar ás familias e aos traballadores as consecuencias da crise.

Jose Manuel Balseiro Orol, Secretario do Parlamento de Galicia

A Xunta acerta cando pon en marcha estas medidas intelixentes nun ámbito tan importante como é o sistema público de saúde. Acerta cando aplica fórmulas como o catálogo priorizado de medicamentos, que redundan nun considerable aforro, sen sacrificar nin un ápice o modelo de benestar, sen empeorar a calidade do servizo, nin reducir dereitos dos usuarios.

O catálogo propón que cando sexa posible se receiten xenéricos, medicamentos avalados polo Ministerio de Sanidade, no que o principio activo é o mesmo, pero non se paga a marca. O aforro diario acadado supera os 330.000 euros. Máis cartos para destinalos a unha mellor atención aos doentes e menos para as grandes multinacionais farmacéuticas, cuxo negocio curiosamente quere blindar o PSOE coa súa oposición a esta medida, avalada por fortuna polo Tribunal Constitucional.

Avanzar neste contexto de crise supón un mérito engadido. Por iso, cando coñecemos novas como as que acreditan unha redución das listas de espera no Hospital da Costa e unha atención máis rápida en caso de enfermidades graves, todos temos que felicitarnos. Son méritos do bo facer dos xestores do sistema público de saúde, do seu equipo directivo, pero tamén do compromiso e implicación dos traballadores do hospital cuxo esforzo está a dar resultado.

En tan só un ano, o Hospital da Costa foi quen de reducir en 48 días a espera media para a consulta cos especialistas e en 13 para as intervencións cirúrxicas. No que levamos de lexislatura foron quen de darlle atención médica aos 4.000 mariñáns cuxas citas o bipartito agochaba nun caixón e abandonar o vagón de cola dos hospitais públicos galegos. Os anotados nas listas de espera, pasaron dos 8.922 de hai un ano aos 5.271 de principios de mes.

O PP volve a demostrar, unha e outra vez, que entre as súas prioridades fundamentais está a sustentabilidade da sanidade e a mellora da súa calidade. Con sensatez e rigor, en defensa do sistema público de saúde.

Jose Manuel Balseiro Orol
*  Secretario do Parlamento de Galicia

Exit mobile version