Site icon Crónica3.com A Mariña

Expertos de deseño en España participarán no taller internacional de Sargadelos que impulsa o CENTRAD

Nota de prensa

Prestixiosos expertos de deseño en España participarán no taller internacional de Sargadelos que impulsa o CENTRAD

– A 40 edición, que se desenvolverá en agosto na fábrica mariñana e que reunirá a unha decena de profesionais en arte e innovación, sentará as bases para desenvolver novos proxectos que contribúan a impulsar economicamente o sector da artesanía e o deseño

– Esta iniciativa, que xurde do convenio asinado con Sargadelos, a Deputación fai posible que as xornadas conten con dúas especialistas na materia de Cuba, quenes compartirán cos asistentes a súa experiencia profesional

– O deseño aplicado á gastronomía e unha exposición sobre a arte de Alemaña, constitúen os principais atractivos do encontro que converterán a Cervo na capital española do artesanía

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, a Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, e o presidente do consello de administración de Sargadelos, José Luis Vázquez, presentaron este xoves a corenta edición do Taller Internacional de Tendencias Cerámicas Sargadelos 2011 que, durante o mes de agosto, reunirá na factoría cervense ós mellores expertos en arte, deseño e innovación de España e que teñen gran repercusión internacional, convertendo a este Concello na capital española da artesanía. Tal e como explicou Lara Méndez, o encontro “permitirá dar un pulo á economía de Cervo, debido, por un lado, á visita dos asistentes que durante varios días se aloxarán no municipio e, por outro, polo contido das xornadas, xa que Sargadelos é o buque insignia da cerámica non só en Lugo e en Galicia senón tamén en toda España”. Pola súa banda, Regina Polín subliñou que “este taller é un exemplo do que buscamos coa Centro de Artesanía. É un intercambio de experiencias a nivel mundial que permitirá poñer a provincia no mapa”.

Regina Polín subliñou que esta iniciativa é o resultado das xestións levadas a cabo pola Vicepresidenta Segunda e que se materializan no convenio asinado no mes de maio cos representantes da fábrica mariñana. Segundo o acordo o organismo provincial achegou 15.000 euros para a celebración destas xornadas formativas nas que os artistas internacionais combinarán a elaboración de pezas elaboradas de xeito tradicional, e sen moldes, coa presentación dos seus traballos co obxectivo de compartir experiencias e de impulsar futuros proxectos que contribúan a impulsar economicamente o sector da artesanía e o deseño.

En total, participarán unha decena de deseñadores industriais con gran repercusión internacional e outras 20 persoas especialistas na materia chegadas de países como Korea ou Italia. Forman parte da nova xeración do deseño español e representan ás principais firmas do país. Son os seguintes: Luis Eslava –estudo adicado á fabricación de produtos con formas experimentais-; Martín Azúa –artista vasco que colabora como deseñador para diferentes empresas compaxinando esta actividade co traballo de experimentación e investigación que xa foi amosado en exposicións de Barcelona, Milán, Londres, Berlín, París, Viena, Estados Unidos, Tokyo, ou Pequín; Nadadora –empresa de Valencia especializada na creación de produtos e na proxección de obras de interiorismo ó deseño gráfico-; Díez+Díez –estudo madrileño adicado ó deseño do produto-; Cenlitrospormetrocadrado –empresa de Santiago de Compostela que basea a súa liña de actuación no deseño e na comunicación dende unha orientación humanista, atendendo a funcións de carácter emocional e social-; La Granja -estudio recoñecido polo seu talento creativo e traxectoria multidisciplianar. Conta cun equipo especializado en interiorismo, deseño industrial e na creación de montaxes efímeras para exposicións-.

O CENTRAD, tal e como recolle o convenio, terá a súa plena disposición as conclusións do encontro. Deste xeito, será a folla de ruta a seguir na creación de novas iniciativas dirixidas a potenciar o sector artesanal e xerar riqueza na provincia. Así mesmo, no marco deste acordo e tendo en conta a relación que Sargadelos mantivo no pasado con Cuba, a Deputación, a través do Centro de Artesanía, fai posible que as xornadas conten con dúas prestixiosas deseñadoras do país latinoamericano, quenes amosarán ós asistentes do encontro o seu traballo e a súa experiencia profesional. Trátase de Mayelin Guevara e de Giselle Monzón. A primeira, adícase ó mundo da xoiería, empregando como base da mesma o círculo que, superpón, repite e interrelaciona tratando de lograr expresión de infinitude e dinamismo. Pola súa banda, Monzón encárgase de elaborar a imaxe visual das exposicións e eventos que se presentan no Centro de Desenvolvemento das Artes Visuais cubano.

Gastronomía e cerámica

As xornadas terán como actividade principal o obradoiro: “Deseño Industrial, Arte e Gastronomía Contemporánea”. Trátase dunha novidosa iniciativa, que estará dirixido por Marta Rois, e que consiste na análise da interacción entre o deseño e a gastronomía nas súas diversas vertentes, facendo fincapé nos obxectos especialmente concebidos para servir alimentos específicos: dende a taza de café ata a culler para tapas. O obxectivo é que os participantes aprendan a mirar doutra forma os alimentos e que afonden na concepción dos obxectos que optimicen a degustación tendo en conta as súas propiedades organolépticas e, por outra banda, as súas características físicas e estéticas.

Esta actividade terá unha duración de dúas semanas. Comezará o día 1 de agosto e rematará o día 15 dese mesmo mes, e desenvolverase en horario de mañá, de 9:00 a 13:00 horas, os primeiros oito días na fábrica mariñana e os restantes na factoría que Sargadelos ten en Sada. Para elo, a entidade pon a disposición dos participantes as súas cociñas e o centro de documentación e a exposición permanente. Ademais, permitirá establecer novas vías de colaboración entre os expertos e Sargadelos, xa que unha vez finalizada esta etapa de toma de contacto, cada equipo, pola súa conta, desenvolverá o seu proxecto coa fábrica, que se considerará rematado cando as 6 pezas ou series se estén comercializando.

Deseño alemán en Cervo

Outro dos atractivos do encontro é a prestixiosa exposición “Modelos de Ulm 1953-1968”, que viaxa a Galicia, recalando en Cervo, logo de ser exposta no Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid, e que permanecerá dende o 4 ó 31 de agosto na sala de exposicións da antiga fábrica de fundición de Sargadelos. Mediante fotografías de gran formato, paneis de texto, pezas gráficas, bocetos de deseño, produtos ou vídeos, a mostra amosa a amplia variedade de enfoques teóricos desta disciplina alemana herdeira de Bauhaus.

Esta Escola de Deseño foi unha das máis importantes do seu tipo. Adicouse á ensinanza, investigación e desenvolvemento no campo do deseño. A especial metodoloxía educativa contribuíu a definir o rol do deseñador industrial profesional e continúa influíndo na ensinanza do deseño a nivel mundial. A tecnoloxía e a industria foron enfocadas pola Escola como fenómenos culturais e as ciencias como a referencia central do deseño. Este innovador enfoque do deseño impactou no mundo dos obxectos do fogar e renovou a imaxe da República Federal de Alemaña co deseño dos Xogos Olímpicos de 1972.

Exit mobile version