Site icon Crónica3.com A Mariña

Festas do Carme en Foz

FESTAS DO CARME EN FOZ


Sempre as festas dun pobo teñen unha doble compoñente de ledicia e de nostalxia, e para unha vila mariñeira o mar é festa principal, pois foi a súa razón de ser ao longo dos séculos, aínda que os tempos son outros e perdera tal primacía. A forza física e anímica do mar non ten lindeiros, e sobre tan fráxil chan escribiron a súa historia de mágoas e ledicias, os focegos de tantas xeracións que levamos padecido, a maiores, as dramáticas resultas da barra de entrada á ría do noso particular “ triángulo das Bermudas” que servíu de móbil sepultura a tantos veciños, históricos loitadores pola supervivencia sobre as ondas do mar, a bordo de fráxiles embarcacións.É a focega unha historia dramática escrita a golpes de mar.

Son istes os motivos, fondamente sentidos polas xentes da nosa beiramar, que fan que colectivamente se vivan estas xornadas, lúdicas e relixosas, con un mais fondo sentimento solidario, expresado popularmente polo seu agarimo á patrona á que ofrecen o traballo nada doado da confección das alfombras florais que poñen ós seus pés no longo percorrido polas rúas do que leva sido, tradicionalmente, o barrio mariñeiro, o mais carismático de Foz, que segue a conservar o talante, a personalidade e a idiosincrasia dun comportamento humano e social da veciñanza, de características propias e diferenciadas. Polas súas rúas, estreitas e enrevesadas, resoan as fermosas cantigas de exaltación á Raíña dos Mares e na ofrenda floral aos náufragos queda sellada a homenaxe sentida e sincera a cantos polo vieiro do mar foron ó alén.

Pero as xente do mar, tan sabidas de tormentas e borrascas; de tempestades e naufraxios, volven sempre ao mar, porque nel repiran a cotío aires de liberdade, e como dixera o poeta francés Baudalaire “ o home libre sempre amará o mar”.

Por eso tamén, nesta ocasión proclama: ¡que soe a gaita!. ¡Que a súa alborada de Gloria anuncie aos catro ventos que Foz está de festa u que, o estoupido dos foguetes, espalle a boa nova por tódalas terras amigas, para que as súas xentes compartan con nós estes días de gozo, dun pobo que ten as súas raígames mais fondas no mar infindo, inconmensurable!

Suso Fernández

Exit mobile version