Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 100 rapaces participan no II Curso de Música Interdisciplinar da EMM de Burela

Nota de prensa:
MÁIS DE 100 RAPACES PARTICIPAN NO II CURSO DE MÚSICA INTERDISCIPLAR QUE ORGANIZOU A ESCOLA MUNICIPAL DE BURELA.

Burela, 4 de xullo de 2011. Máis de 100 rapaces participan desde onte no II Curso de Música Interdisciplinar que organizou a Escola Municipal de Música de Burela. Esta semana, segundo anunciaba o director, Xan Carballal, haberá dous concertos, o mércores e o xoves a partires das 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura.

Carballal explicou que “a idea é traballar cos alumnos da escola e con outros rapaces que estaban desexando contar cunha actividade extraescolar deste tipo despois de rematar o período escolar”. No curso participan tres profesores convidados, Tamara Gaveiras, profesora superior de piano que na actualidade está en Nova York; Irina Bunkova, profesora superior en dirección de coros e profesora superior de canto; e como novidade acudiu a esta cita Pablo Coria Abel, do que o director da Escola de Música destaca “a súa traxectoria humana e musical. É profesor superior de frauta no Conservatorio de Lugo. Pablo substitúe a Marcos Galán, que por razóns persoais non puido acudir a Burela a participar neste segundo curso de música interdisciplinar”.

Xan Carballal sinalou que “estamos un pouco desbordados polas expectativas coas que contabamos nun principio dado que hai matriculados máis de 100 alumnos. Estamos a traballar 7 profesores da escola ademáis dos tres convidados e ao contar con este plantel de profesorado se fai todo moito máis sinxelo, pero tivemos que replantexar un pouco o curso pola avalancha de rapaces, que veñen moi contentos e para nós isto é moi satisfactorio”.

O director da Escola de Música de Burela subliñou que “haberá dous concertos, un o mércores ás 20:30 horas na Casa da Cultura e o outro o xoves á mesma hora e no mesmo lugar. Desexamos que todos os rapaces se atopen a gusto, queremos que todos, pero sobre todos os novos salgan satisfeitos desta primeira aproximación á música e que sigan nesa liña con ese entusiasmo que nos están amosando”.

Exit mobile version