Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural aporta 16.748 euros a Lourenzá para contratar dúas persoas para a loita contra incendios

Nota de prensa
Equipo de Goberno

A través dun convenio de colaboración asinado nestes días

O CONCELLO DE LOURENZÁ E MEDIO RURAL COLABORAN NA LOITA CONTRA O LUME

A través do cal o Concello percibe 16.748 € para a contratación de dúas persoas durante tres meses e medio.

O concello pola súa banda pon a disposición o camión de incendios municipal para a extinción de incendios forestais.

A través dun bando recordase aos veciños a instrución da Consellería de Medio Rural pola que se prohibe tirar foguetes.

Lourenzá, 2 de xullo do 2011.- O Concello de Lourenzá e a Consellería de Medio Rural asina estes días un convenio de colaboración para a prevención e loita contra incendios forestais a través do cal o concello percibe 16.748 € para a contratación de dúas persoas durante tres meses e medio.

Este convenio, en virtude do cal as administracións local e autonómica traballarán conxuntamente en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais entra en vigor o vindeiro 7 de xullo e prolongaráse ata o 31 de outubre.

Pola súa banda o concello pon a disposición o camión de incendios municipais que colaborará de modo prioritario na extinción de incendios forestais, intregándose no dispositivo de emerxencias do Distrito Forestal VI que abarca os concellos da Mariña Luguesa. En casos excepcionais poderán actuar noutros ámbitos territoriais.

Por outra banda, a través dun bando municipal deuse a coñecer aos veciños a instrución da Dirección Xeral de Montes que entrou en vigor no día de onte mediante a cal se prohibe tirar foguetes en zona forestal na súa zona de influencia, é dicir, 400 metros arredor da zona forestal e sempre tendo en conta o Indice de Risco Diario de Incendios (IRDI) que se pode consultar a través da páxina web da Consellería de Medio Rural.

Esta medida enmárcase dentro da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais debido as actuais condicións metereolóxicas e as predicións a curto prazo, con vento do nordés e temperaturas elevadas.

Estas accións enmárcanse dentro do afán de loitar contra os incendios forestais durante a campaña de alto risco decretada pola Xunta e que se iniciou onte venres.

Exit mobile version