Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural destaca o peso do sector primario na economía de Lugo

Nota de prensa:
MEDIO RURAL DESTACA O PESO DO SECTOR PRIMARIO NA ECONOMÍA DE LUGO E A IMPORTANCIA DO MODELO COOPERATIVO PARA O SEU CRECEMENTO

O director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, asistiu á inauguración das novas instalacións da cooperativa Os Irmandiños en Barreiros e salientou a agrupación e a cooperación como esenciais neste sector clave do noso tecido produtivo

Santiago, 9 de xullo de 2011.- O director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, José Álvarez Robledo, destacou hoxe a relevancia do sector primario para a boa marcha da economía da provincia lucense durante a súa participación na inauguración dunha nova planta nas instalacións da Cooperativa Os Irmandiños, no concello lucense de Barreiros.

Neste acto de presentación, na que o representante da Consellería do Medio Rural estivo acompañado por José Ángel Blanco Purriños, presidente da sociedade cooperativa Irmandiños e autoridades locais, Álvarez Robledo destacou a utilidade deste modelo cooperativista “xa non só para o sector primario senón para o conxunto do tecido económico”.

O exemplo desta cooperativa como modelo de servizo, “canto máis grande mellor _engadiu_ ven a constatar as vantaxes que comportan a reagrupación no ámbito empresarial do fragmentado agro galego”. Así, Álvarez Robledo, salientou que “este modelo de empresa, onde a prestación de servizos é un dos eixos centrais, invita a incentivar o incremento do tamaño das empresas de base cooperativa, para ser máis eficientes na prestación de servizos aos socios, que debe redundar nun abaratamento dos custes, nunha mellor xestión dos mesmos na produción e nunha maior proximidade ao mercado”.

A nova instalación súmase ao resto de servizos que aporta a cooperativa, entre os que destacan a utilización común de maquinaria, asesoramento e outra clase de prestacións das que se poden beneficiar os preto de 800 socios que a integran. En palabras do director xeral de Produción Agropecuaria, Os Irmandiños é unha empresa “forte e viable” que “procura unha atención integral que redunda nunha maior rendibilidade das explotacións e nunha maior calidade dos produtos”.

Beneficio conxunto

As cooperativas agrarias supoñen actualmente o 50% do total das sociedades cooperativas rexistradas na provincia de Lugo. O director xeral de Produción Agropecuaria reiterou así as vantaxes do modelo de negocio de Irmandiños para a economía agraria, permitindo “o aforro nos custos, a optimización dos recursos e, en xeral, a racionalización na xestión”. Neste liña, avanzou que o vindeiro mércores haberá unha xuntanza co sector para valorar a constitución das Organizacións de Produtores, como unha ferramenta mais para incrementar o poder de negociación e axudar a incrementar a cadea agroalimentaria.

Exit mobile version