Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio rural poxou 76.784 metros cúbicos de madeira cun prezo de saída maior de 1,68 millóns de euros

Nota de prensa

MEDIO RURAL REALIZA O DÍA 21 A APERTURA DE PLICAS DA POXA DE 53 LOTES DE MADEIRA DE MONTES DE XESTIÓN PÚBLICA DA PROVINCIA DE LUGO

Poxaranse, en total, 76.784 metros cúbicos de madeira, que alcanzan un prezo de saída que supera os 1,68 millóns de euros
A madeira que sae a subasta pertence a montes situados en 18 concellos lucenses e na súa maioría proveñen de áreas nas que se desenvolveu unha xestión sustentable

Lugo, 20 de xullo de 2011.- A Consellería do Medio Rural realizará o próximo xoves día 21 a apertura de plicas da poxa de 53 lotes de madeira dos montes de xestión pública da provincia lucense. O prezo de saída da totalidade do lote establécese en 1.682.067,71 euros para unha poxa total de 76.784,19 metros cúbicos.

Os preto de 130.000 árbores que completarán a poxa proveñen de montes de 18 concellos da provincia lucense. En concreto, trátase de montes situados en Baralla, Begonte, Burela, Castro de Rei, Folgoso do Courel, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Pastoriza, Pantón, Pobra do Brollón, Quiroga, Ribadeo, Sober, Trabada, Vilalba e Viveiro. A extracción ten lugar debido a que a madeira acadou a súa quenda de corta.

O sistema PEFC encárgase de certificar unha xestión sustentable da superficie forestal. Dos 53 lotes, 30 están certificados mediante esta calificación, cun volume total de 47.499,40 metros cúbicos.

Os pés que formarán parte desta poxa pertencen na súa maioría a distintas especies de piñeiro, coma o pinaster, o radiata e o silvestre. Tan só tres lotes dos 53 presentan especies de madeira distintas, coma o eucalipto globulus, a acacia ou o bidueiro.

Datos por distritos

Do distrito forestal de Terra Chá poxaranse 16 lotes procedentes dos concellos de Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Vilalba e Pastoriza que suman 30.231 metros cúbicos de madeira por un importe de 690.113 euros. A poxa inclúe tamén 11 lotes do distrito forestal Lugo-Sarria, dos montes de Friol, Lugo e Láncara; en total son 13016,24 metros cúbicos que se poxan por importe de 331.604 euros.

O distrito da Mariña Lucense aporta 4 lotes procedentes dos concellos de Viveiro, Trabada, Ribadeo e Burela, cun total de 6.824,83 metros cúbicos de madeira por un valor de 106.522 euros. O distrito de A Fonsagrada-Os Ancares, con 5 lotes do concello de Baralla, suma 3.648,7 metros cúbicos que partirán na poxa cun valor de 81.199 euros.

Por último, os 17 lotes do distrito de Terras de Lemos, dos concellos da Pobra de Sober, Quiroga, Pobra do Brollón, Pantón e Folgoso do Courel supoñen un volume de 23.062,74 metros cúbicos de madeira e un prezo de 472.627 euros.

A apertura de plicas terá lugar no salón de actos da sede da Delegación Territorial de Lugo, a partir das 11:00 horas.

Xestión sostible

A poxa dos distintos lotes procedentes de montes lucense encádrase dentro das liñas de actuación da Consellería do Medio Rural, na busca dunha xestión sostible e proveitosa. O sistema PEFC certifica que a madeira provén de montes xestionados de forma sustentable.

Exit mobile version