Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros agarda que os proxectos sectoriais urbanísticos sexan aprobados antes de fin de ano

Nota de prensa:
ALFONSO FUENTE AGARDA QUE OS PROXECTOS SECTORIAIS DE INFRAESTRUTURAS DE SANEAMENTO, ABASTECEMENTO E REDE VIAIRA SEXAN APROBADOS ANTES DE FINAIS DE ANO. O REXEDOR DI QUE O INICIO DAS OBRAS REACTIVARÁ A ECONOMÍA DE BARREIROS E DE PARTE DA COMARCA DA MARIÑA.

Barreiros, 13 de xullo de 2011. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, agarda que os proxectos sectoriais de infraestruturas de saneamento, abastecemento e rede viaria sexan aprobados antes de finais de ano e que a continuación dean comezo as obras que suporán un investimento de 14 millóns de euros. Hoxe a Xunta ven de anunciar que somete a información pública durante dous meses ditos proxectos para que administracións, asociacións e particulares poidan presentar alegacións.

Fuente Parga sinalou que “a información que saca hoxe a Xunta con respecto a Barreiros é moi positiva e prodúcese seguindo a liña que se veu marcando desde hai un tempo. Agora eses proxectos xa foron elaborados e como quen saca a licitación os traballos é a empresa pública de Obras Hidráulicas o que fai é someter eses proxectos a información”. O alcalde dixo que “é unha boa nova, agardamos que xa antes de finais de ano estean aprobados estes proxectos para que, tal e como queremos todos os veciños de Barreiros, se inicien estas infraestruturas, a construcción de aceras, o abastecemento de auga e a mellora da rede de saneamento”.

O rexedor considera que “é positivo nestes momentos xa que falar duns investimentos de preto de 14 millóns de euros no noso concello reactivará a economía de Barreiros e de parte da comarca da Mariña. Durante este tempo no paro que houbo en xeral no sector da construcción perdéronse moitos postos de traballo e con estes investimentos no momento no que dean comezo as obras se voltarán a crear nestas empresas que realizarán estes proxectos, e tamén na construcción de inmobles se crearán de novo postos de traballo, tal e como ocorría hai algúns anos”.

Exit mobile version