Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pide ao sector hostaleiro que cumpra cos horarios de peche establecidos

Nota de prensa:
FERNANDO SUÁREZ ENVÍA CARTAS AO SECTOR HOSTALEIRO PARA QUE CUMPRA COS SEUS HORARIOS DE PECHE. O REXEDOR DIRÍXESE DE FORMA ESPECIAL AOS NEGOCIOS DE OCIO NOCTURNO E ADVIRTE QUE SE ADOPTARÁN AS MEDIDAS SANCIONADORAS PRECISAS NO CASO DE INCUMPRIMENTO OU PASIVIDADE POR PARTE DESTES EMPRESARIOS.

Ribadeo, 7 de xullo de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, está a enviar cartas ao sector hostaleiro para que cumpra cos seus horarios de peche. O rexedor diríxese de forma especial aos negocios de ocio nocturno. O obxectivo pasa por garantir o dereito dos hostaleiros a traballar e o dereito ao descanso e á conciliación da vida íntima e familiar por parte do vecindario en xeral.

Suárez Barcia comentou esta mañá que está decidido a facer unha serie de cambios agora desde o principio deste novo mandato municipal “e estou a enviar unha serie de comunicacións a todos os titulares de establecementos de hostalaría e restauración, non ten moito que ver cos que non teñen nunca ningún conflicto de ruidos nin ningunha denuncia, pero sí especialmente con aqueles adicados ao ocio nocturno”.

O alcalde sinalou que “a día de hoxe temos moitos problemas con esta situación, que ven de vello, incluso o Concello está condeado desde hai anos por un tema en materia de ruidos. Son varios os expedentes que actualmente están en marcha e nalgúns deles cunha solución de peche cautelar nestes días, que por discreción non quero facer pública, e son tamén varias, diversas e intensas as comunicacións e denuncias de veciños desde hai tempo, incluso de xente do propio gremio da hostalaría e tamén son continuos os escritos do Valedor do Pobo, que nos está indicando que temos que cambiar de actitude para conciliar os intereses en conflicto, que é algo que queremos facer”.

Fernando Suárez asegurou que “desde o Concello queremos que os hostaleiros poidan traballar e poidan sacar un aproveitamento lexítimo e lucrativo dos seus negocios, pero temos que garantir tamén o dereito á intimidade persoal e familiar, a protección da saúde, o dereito a gozar dun medio ambiente axeitado e a protección e mellora da calidade de vida, e o ruido ten moito que ver con todo isto”.

O rexedor contou que “enviámoslles a todos os hostaleiros un recordatorio cos horarios establecidos e publicados a nivel autonómico desde hai varios anos no Diario Oficial de Galicia. Non quero facer nada que vaia contra a lei, quero que se comporten e que pechen nos seus horarios e que non molesten aos veciños, porque de ser así se adoptarán con toda firmeza cantas medidas sancionadoras sexan necesarias no caso de incumprimento ou pasividade na adopción das medidas correctoras por parte deses establecementos. A Policía Local e a Garda Civil son sabedoras diso e actuarán en atención da lei para defender o dereito a traballar de uns e os dereitos a dormir e a vivir sen ruido dos outros”.

—————–

Alcaldía
Sr. Presidente de A.C.I.S.A. e hosteleiros
Avda.Asturias, 21-23.
27700 RIBADEO
Ribadeo, 27.06.2011.
Estimado/a veciño/a e hostaleiro/a:
Ao comezar este novo mandato municipal, dende esta Alcaldía quero facerlle chegar
unha serie de consideracións acerca das pautas que se seguirán co fín de acadar unha boa
convivencia entre todolos veciños desta Vila, garantizando con elo o dereito dos hostaleiros e
empresarios de hostelería en xeral para o desenvolvemento dos seus negocios no denominado
ocio nocturno e o dereito ao descanso e a conciliación de vida íntima e familiar por parte do
vecindario en xeral.
Unha das competencias municipais é a vixilancia e control medioambiental, segundo
dispón a Lei 1/1995 de Protección Ambiental de Galicia.
O Decreto 320/2002, de 7 de novembro aprobatorio do Regulamento, por outra parte, establece
as Ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica en desenvolvemento da
Lei 7/1997, de 11 de agosto de protección contra a contaminación acústica.
Igualmente a Lei 37/2003, de 17 de novembro do ruído, fixa unhos niveis máximos de ruído no
interior dos edificios e de emisión destes ruídos ao exterior.
Ata o de agora iniciáronse algúns expedientes sancionadores por infraccións destas
normas así como outros que se levan a cabo pola Consellería de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, da Xunta de Galicia, respecto ás denuncias por infraccións nos horarios de
peche dos establecementos.
Igualmente a Garda Civil ademáis de controlar, no exercicio das súas funcións, os
horarios de peche e outros extremos respecto das licencias e autorizacións para o
desenvolvemento destas actividades presta un control sobre o consumo de bebidas alcohólicas
por menores, sobre cuxa materia tamén se instrúen expedientes.
É necesario, naturalmente, a preservación de todolos intereses en conflicto, pero dun
xeito máis preciso, entendo, aqueles especialmente protexidos na Constitución Española como
son o dereito á intimidade persoal e familiar, á inviolabilidade do domicilio, á protección da
saúde, así como o dereito a gozar dun medio ambiente adecuado e á protección e mellora da
calidade de vida.
Con este obxecto, repito e reitero, e sempre tratando de conciliar os intereses de
todolos colectivos implicados, quero indicarlle que, como propietario ou titular dun negocio de
hostelería con traballo en horario nocturno, deberá cumprir estrictamente coas obrigas legais das
disposición citadas así como con aquelas que se fixaran na correspondente licencia municipal,
especialmente no tocante as emisións de ruídos ao exterior e vivendas colindantes, control
estrito dos horarios de apertura e peche, control de consumo de bebidas alcohólicas por
menores,control de bebidas na rúa, etc.
Quero significarlle igualmente que por parte do Concello se porán todolos
medios precisos para a colaboración necesaria e co fín de garantir os dereitos aludidos, pero que
tamén se adoptarán todas cantas medidas sancionadoras sexan necesarias no caso de
incumprimento ou pasividade na adopción das medidas correctoras polos establecementos.
* Remitolle como anexo copia do D.O.G. cos horarios, en vigor, dos distintos establementos, para o seu
coñecemento, efectos e cumprimento en fución da actividade para a que vé. ten licencia.
Reciba un cordial saúdo,
Asdo.: FERNANDO SUÁREZ BARCIA
ALCALDE-PRESIDENTE.

Exit mobile version