Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera que a Xunta de Galiza non pode usar a devolución da débeda como argumento para recortar os servizos sociais

Nota de prensa

O BNG OPONSE AO SISTEMA DE FINANCIAMENTO ACTUAL PORQUE SUPÓN UN LASTRE PARA O DESENVOLVEMENTO DE LUGO E GALIZA

A problemática actual dos concellos e Deputacións, obrigados a devolver a débeda contraida co Estado, é claramente motivada por unha eiva do sistema de financiamento actual

O BNG considera que a Xunta de Galiza non pode usar a devolución da débeda como argumento para recortar os servizos sociais

Lugo, 30 de xullo de 2011. O Grupo Provincial do BNG, a través do seu portavoz Mario Outeiro, mostrou o seu rexeite ao sistema de financiamento actual, por consideralo “inxusto, inadecuado para a realidade lucense e galega, e ademais supón un lastre para o desenvolvemento do noso país”. Segundo explicou Mario Outeiro “a problemática que agora están a sufrir as comunidades autónomas e as administracións locais non só está causada pola crise, senón tamén porque ter facer fronte á débeda contraida co Estado está directamente motivado polos fallos dun modelo de financiamento que o BNG sempre rexeitou por consideralo inadecuado como modelo que respecte a autonomía fiscal nacional de Galiza”.

Neste sentido, Mario Outeiro lembrou que o Grupo Provincial do BNG de Lugo xa defendeu no anterior pleno provincial que Lugo, como o conxunto de Galiza, posúe unhas características particulares polo que a prestación de servizos sociais faise moito máis custosa aquí que noutras partes do Estado, debido ao avellentamento e á dispersión da poboación, principalmente. Polo tanto, un modelo de financiamento ten que ter sempre en conta esta realidade propia e servir como garante de prestación de servizos sociais a toda a poboación.

O portavoz do BNG na Deputación de Lugo afirmou que “hai que ter en conta que a grande parte dos concellos lucenses están nunha situación límite en canto á estabilidade financeira pola pouca liquidez das súas contas, e se a isto se lle engade ter que pagar a débeda contraida co Estado, da que só 5 concellos lucense se libran, pódese dar a situación de que cheguen moitos deles á suspensión de pagos.

Diante disto, segundo explicou Mario Outeiro, o BNG ve con preocupación como o PP, ademais de na crise como o viña facendo até agora, se vai escudar nesta problemática do financiamento para continuar coa súa xeira de recortes en servizos sociais emprendida desde a chegada de Feijóo á Xunta de Galiza. Porén, o BNG non vai permitir que isto sirva como parapeto ao PP á hora de xustificar unha tesoirada no capítulo do gasto social que derive nunha reducción de prestacións á poboación. Polo tanto, o Grupo Provincial do BNG vai poñer todo da súa parte para defender na Deputación de Lugo os intereses da cidadanía lucense, para que esta administración colabore cos concellos lucenses á hora de desenvolver políticas sociais, pero ao mesmo tempo reclamando da Xunta de Galiza que cumpra coas súas competencias e non deixe de prestar servizos básicos para a cidadanía.

Exit mobile version