Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove denuncia o desleixo do PP coa seguridade nas praias do municipio

Nota de prensa

O BNG de Xove denuncia o desleixo do PP coa seguridade nas praias do municipio

Desde o Bloque Nacionalista Galego amosaron onte a súa preocupación polo recorte padecido en Xove no servizo de socorristas que velan pola seguridade dos bañistas. Os nacionalistas xovenses non entenden a decisión política de reducir o tempo que traballarán estes profesionais durante este verán, limitando a duración do seu contrato unicamente ao meses de xullo e agosto “cando ata o de agora este servizo fundamental tamén se desenvolvía en xuño e setembro”.

Marco López, portavoz do grupo municipal do Bloque no consistorio xovense, presentará varias preguntas formais acerca deste extremo no primeiro pleno ordinario da lexislatura, que se celebrará o vindeiro día 8 de agosto. López asegurou que, despois de todas as “promesiñas” vertidas en campaña electoral polo PP, o goberno local inicia o novo mandato recortando servizos esenciais como os postos de socorristas. O portavoz do BNG advertiu que “por desgraza” esta medida semella “a punta do iceberg” das políticas antisociais que pretenden desenvolver os populares locais: “cunha única excepción”, afirmou López, “o aumento dos seus propios salarios a conta do erario público”.

Marco López contrapuxo estes recortes da Xunta e o Concello coa actitude dos propios nacionalistas, que no ano 2010 destinaron desde as Áreas de Cultura, Deporte e Benestar Social da Deputación preto de 200.000 euros para Xove.

Exit mobile version