Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS presentou no consistorio burelao a quinta edición do Campus Mixto Internacional Burela FS

Nota de prensa
Nota de prensa

PRESENTACIÓN DO V CAMPUS MIXTO INTERNACIONAL BURELA FS

O club laranxa presentou esta tarde no consistorio burelao a quinta edición do Campus Mixto Internacional Burela FS, que dará o pistoletazo de saída o mércores, 13 de xullo. Asistiron ao acto o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o alcalde de Burela, José Mª. González Barcia; a concelleira de Xuventude e Deporte, Beatriz Piñeiro; o vicepresidente do club, Manuel Blanco; o director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera; o xerente de Living Sport, Antonio Couto; e o xefe de Publicidade de A Mariña-El Progreso, José Manuel González.

Antonio Veiga salientou o traballo do Burela FS e a súa aposta pola base. “Este club xa nos demostrou en múltiples ocasións que ten unha sólida base e clara referencia diso é esta cita. Nestes momentos o que tira do deporte na Mariña é o fútbol sala e dende a Deputación seguiremos apostando por el e polo Burela FS porque á base non se lle poden aplicar recortes de ningún tipo”.

José María González Barcia tamén felicitou o club burelista polo labor a prol da formación: “Con esta cita, o Burela FS consegue darlle continuidade ao importantísimo traballo do resto do curso, profundando na potenciación da base tamén no verán, para que os rapaces poidan desenvolver as súas capacidades deportivas e formarse persoalmente”. Así mesmo, deulle as grazas ao vicepresidente da Deputación polo apoio e declarou a intención dunha colaboración entre ambas as dúas administracións neste tipo de actividades.

Manuel Blanco agradeceu o compromiso da Deputación de Lugo, a Fundación Imdecum e o Concello de Burela coa organización da cita, así como a fidelidade de todos os colaboradores; o vicepresidente laranxa cualificou o campus como “unha festa de fin de tempada, na que os nenos aprenden e se divirten”. Alfonso Mera, pola súa banda, destacou a calidade dos profesionais convidados e o notable interese suscitado polo campus: “Este ano alumnos de toda A Mariña, doutros puntos de Galicia, como Sarria ou Ourense, e incluso de Asturias e Portugal volverán conxugar a aprendizaxe deportiva e a diversión con técnicos e xogadores de referencia na base”.

Dende o xornal oficial do campus, José Manuel González manifestou “o orgullo de A Mariña-El Progreso por colaborar coa promoción do deporte de base”, ademais de aproveitar o acto para felicitar o CD Burela FS e os seus equipos pola tempada.

Luxoso cartel

O técnico do Reale Cartagena, Luis Fonseca, e o xogador do Autos Lobelle de Santiago Luis Martínez completan o luxoso cartel de convidados que colgará a quinta edición do campus laranxa, xunto ao seleccionador de Romanía, Sito Rivera, e o xogador de ElPozo Murcia Turística Adri. Tamén participarán nas diferentes sesións os laranxas Lucía, Irene, Christian, Víctor Cachón e Edu, entre outros.

Luis Fonseca (Madrid, 1966) posúe unha experiencia de máis de quince anos á fronte dos bancos futbolísticos en conxuntos de renome como o Caja Segovia FS (1994-96), Carnicer Torrejón (1996-98), Atlético Boadilla (2000-04), UD Las Rozas Bodilla (2004-08) ou Tien 21 P. Millenium Pinto (2008-09). Luis (Lugo, 1989), vinculado á escuadra lobellista dende a categoría xuvenil, xa vestiu a camisola vermella en doce ocasións con España Sub-21.

Exit mobile version