Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Medio Ambiente pide colaboración veciñal para ter un Ribadeo o máis limpo posible

Nota de prensa:
HORACIO CUPEIRO PIDE COLABORACIÓN VECIÑAL PARA TER UN RIBADEO O MÁIS LIMPO POSIBLE.

Ribadeo, 6 de xullo de 2011. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, pide colaboración aos veciños para ter un Ribadeo o máis limpo posible. O edil nacionalista lembra ademáis que os cans teñen que ir atados pola rúa e que os seus donos deben recoller os seus excrementos e non deixalos tirados nas beirarrúas ou nos parques.

O responsable de Medio Ambiente dixo que “un ano máis o noso concello, como todos os do litoral, vai recibir moítisimos veciños e visitantes que pasarán o período estival con nós, por iso como concelleiro delegado de Medio Ambiente, Medio Mariño e Praias quero invitar a todos a colaborar con nós nos temas ambientais seguindo as instruccións do sistema de xestión ambiental EMAS que temos implantado no noso concello e que persigue como fin último a mellora continua”.

Horacio Cupeiro pide colaboración veciñal “para que o lixo non se deposite nos contedores ata as 21 horas, isto evitaría que durante todo o día se producise a fermentación deses desperdicios ademáis do impacto visual que ocasiona. Tamén aproveito para pedirlles ás tendas que non deixen o cartón na rúa fora das horas recomendadas”.

O edil de Medio Ambiente demanda que “non se tiren ao chan papeis, colillas ou pipas… sobre as colillas quero pedir que non se deixen na area na praia, que veciños e visitantes se dirixan ás papeleiras ou que as recollan nunha bolsa”. Horacio Cupeiro aludiu hoxe aos espazos públicos “pedimos respecto e cuidado cos xardíns, co mobiliario, porque a todos nos gusta ver que non estean rotos nin en mal estado”. Sobre os cans lembrou que “pola rúa deben ir atados e os donos deben recoller os excrementos das súas mascotas. Melloróuse moito neste sentido, pero aínda hai persoas ás que lles costa coller esta costume”. E insistiu en que “os que acudan merendar ou pescar ao litoral recollan as bolsas de comida ou dos cebos, pídolles que non deixen nada por alí porque despois todo iso vai parar ao mar e logo hai que recollelo e retiralo das praias. Todo é co obxectivo de mellorar o impacto visual da nosa costa”.

O concelleiro nacionalista engadiu que “a nosa calidade de vida non só depende do poder adquisitivo senón tamén da nosa colaboración co medio ambiente. Pido que loitemos para vivir neste espazo común e telo o mellor coidado posible”.

Exit mobile version