Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela incapaz de ofrecer solucións as contas municipais só ve problemas

Nota de prensa

O EQUIPO DE GOBERNO DE GONZÁLEZ BARCIA AFIRMA QUE O BIPARTITO BURELÉS COMPROMETEU GASTO POR MÁIS DE 648.000 EUROS SEN HABER INGRESOS PARA CUBRIR ESA PARTIDA. O ALCALDE ASEGURA QUE GASTARON MÁIS DO PRESUPOSTADO EN ENERXÍA ELÉCTRICA.

Burela, 18 de xullo de 2011. O equipo de goberno burelés, comandado polo popular José María González Barcia, afirmou hoxe a través dunha nota de prensa que o bipartito comprometeu gasto por importe de 648.119’38 euros. É decir, “ían gastar cento oito millóns de pesetas que non se teñen, e que non hai forma de recadar por ningún lado, o que demostra que o bipartito gastaba o que non se tiña”, segundo denuncia o rexedor de Burela, que reitera que no Concello se están a pagar facturas de 2010 e de anos anterior que ascenden a 700.000 euros.

González Barcia indicou que estas cifras “son xa non preocupantes, senón alarmantes, porque demostran que socialistas e nacionalistas empregan os cartos de todos en beneficio propio”. O alcalde indicou que “son eles os que teñen que aclarar algunhas cousas, por exemplo, como é que o bipartito gastou máis do presupostado para o alumeado público e dos locais de competencia municipal”. Segundo o alcalde de Burela “no exercicio de 2011 hai consignados 150.000 euros para gastos de enerxía eléctrica, pero xa levamos gastados 103.000 euros á metade do ano, co que só temos 47.000 euros para os seis meses que quedan deste 2011. Tamén deberán explicar por qué o gasto telefónico é, nos últimos seis meses, 500 euros/mes máis caro que o ano pasado. Igualmente, na partida das festas, hai un saldo negativo de 10.000 euros e aínda hai facturas sen aprobar por un importe similar, cifra que tamén se sitúa nos 10.000 euros, é decir que se gastaron a maiores 20.000 euros que non había”.

O alcalde burelés fíxolles unha esixencia a socialistas e nacionalistas, “que non mintan máis, porque estamos pagando facturas de 2010 e de anos anteriores por importe de 700.000 euros. Os concelleiros socialistas e nacionalistas compraban o que lles daba a gana, onde lles daba a gana, sen que houbese ningún tipo de control, algo do que só é culpable o anterior alcalde, que para que non se lle revolvese o galiñeiro miraba para outro lado”.

Exit mobile version