Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo propón habilitar un punto limpo duns 2.200 metros cadrados na zona dotacional de Cuíña

Nota de prensa

O CONCELLO DE CERVO PROXECTA HABILITAR UN PUNTO LIMPO MUNICIPAL NO POLÍGONO DE CUÍÑA

Responsables municipais estiveron visitando hoxe o lugar elixido para ubicar este novo servizo xunto con técnicos da Consellería de Medio Ambiente e da empresa de enxeñería medioambiental encargada de elaborar o proxecto

A súa inversión rondará os 300.00 euros financiados na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente

Cervo, 15 de xullo de 2011.- O goberno cervense proponse habilitar un punto limpo nunha parcela de aproximadamente 2.200 metros cadrados de superficie e titularidade municipal situada na zona dotacional do polígono de Cuíña. Así o deron a coñecer hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a concelleira de Medio Ambiente, Begoña Alonso.

Os responsables municipais estiveron visitando o lugar elixido para ubicar este novo servizo xunto con técnicos da Consellería de Medio Ambiente e da empresa de enxeñería medioambiental encargada de elaborar o proxecto. Segundo indicou o alcalde, o custe desta construción rondará os 300.000 euros financiados na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente. “Esperamos que esta infraestrutura de tratamento de residuos sexa unha realidade nun espacio de tempo non moi lonxano” sinalou o rexedor local, quen precisou que a partires de agora os pasos a seguir por parte do Goberno local serán a realización dos trámites administrativos pertinentes para a disposición destes terreos “ademais da devandita redacción do proxecto construtivo por parte da Consellería” dixo Villares.

O obxectivo final do Concello é dotar ao municipio dunha zona adecuada para a almacenaxe e tratamento de residuos que polo seu volume ou pola súa composición con elementos altamente contaminantes, non se poden arroxar aos colectores tradicionais de lixo xa que necesitan algún tratamento previo, ben para favorecer a súa reciclaxe ou ben para reducir a toxicidade dos seus compoñentes.

Inicialmente está previsto que o punto limpo cervense conte con colectores específicos, unha zona de verteduras, áreas axardinadas e unha oficina de recepción para organizar a entrada dos lixos. En concreto, prevese que poda dispoñer de colectores de plásticos, cascallos de obras, voluminosos, restos vexetais, ademais dos tradicionais depósitos de almacenaxe de vidro, cartón e envases lixeiros, ademais dunha zona específica para almacenar residuos tóxicos.

O rexedor cervense sinalou que con este punto limpo o que se pretende é “completar máis aínda a nosa aposta medioambiental achegando á nosa xente un lugar onde depositar todo tipo de residuos”. Ao fío disto, o alcalde cervense indicou tamén que mentres o punto limpo non estea rematado, o Concello seguirá actuando como ata agora, realizando unha recollida quincenal de enseres, segundo as solicitudes dos veciños.

Pola súa banda Begoña Alonso afondou na necesidade de promover a convivencia ambiental entre os veciños de Cervo, “y por eso apostamos por este proyecto “ sinalou.

Exit mobile version