Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo comprara os seus gastos e os do seu persoal de confianza con remuneracións da Deputación

O goberno de Cervo comprara os seus gastos e os do seu persoal de confianza con remuneracións de cargos da Deputación

Nota de prensa:
O GRUPO DE GOBERNO AFIRMA QUE O SOLDO QUE PERCIBEN OS DOUS VOCEIROS DA OPOSICIÓN COMO CARGOS POLÍTICOS DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA É O MESMO AO DAS SETE ADICACIÓNS DO CONCELLO DE CERVO

Os populares ven “curioso” que sexan dúas persoas que cobran das administracións públicas un montante similar ao asignado en Cervo ás tarefas de xestión as que critiquen a decisión do Goberno municipal

Os soldos do alcalde, dos sete concelleiros e do persoal de confianza para este concello é de 85.200 euros brutos ao ano; mentres que as cantidades percibidas pola señora Méndez e polo señor Estúa na Deputación suman 82.322 euros brutos anuais sen contar seguridade social en ningún dos dous casos

Cervo, 2 de xullo de 2011.- Os integrantes do grupo de Goberno municipal do Concello de Cervo saíron ao paso das criticas verquidas pola oposición sobre o gasto municipal en adicacións ao Concello. Na opinión dos responsables municipais“non deixa de ser curioso” que sexan precisamente os voceiros dos grupos socialista e nacionalista na corporación os que critiquen as asignacións económicas destinadas a tarefas de xestión municipal.

A este respecto os “populares” precisaron que a cantidade económica procedente de cartos públicos do Concello percibida anualmente polo alcalde, polos concelleiros do grupo de goberno municipal e polo persoal eventual contratado é similar ao que cobran do erario público provincial os dous xefes da oposición municipal. “Os cervenses teñen que saber que o custe do alcalde, dos sete concelleiros e do persoal de confianza para este concello é de 85.200 euros brutos ao ano (sen contar Seguridade Social); mentres que os soldos da señora Méndez e do señor Estúa na Deputación suman 82.322 euros brutos anuais, pero a pesar de ser cifras moi semellantes, seguen a criticar que sete persoas cobren ó ano das administracións practicamente o mesmo que eles dous xuntos” recalcaron.

Afondando nisto, lembraron que cando o BNG non ostentaba ningunha responsabilidade pública na administración provincial amosábanse en contra dela, pero trocou o seu discurso dende hai catro anos. “Antes [os nacionalistas] dicían constantemente non á Deputación e non aos asesores. Agora, que levan apoiando ao PSOE no goberno provincial por segunda lexislatura consecutiva, forman parte dela sen ningún tipo de rubor e tamén nomean aos seus asesores”. Como exemplo disto puxeron ao concelleiro nacionalista cervense. “Basta citar precisamente ao concelleiro do BNG nesta corporación, o cal, durante a pasada lexislatura -e supoñemos que tamén o será nesta- foi asesor do organismo provincial cun soldo anual de 24.804 euros brutos, a pesares de que era do dominio público que non pisaba moi amiudo o Pazo de San Marcos, se non que máis ben desempeñaba a súa labor no local do BNG de Foz, feito este que poden corroborar moitos dos traballadores da Deputación” recalcaron.

Situación económica do Concello

Os integrantes do Goberno cervense rexeitaron tamén as afirmacións socialistas e nacionalistas sobre o endebedamento do Concello pola mingua na percepción de ingresos devido ao despoboamento do municipio. Neste senso aseguraron que a pesares da redución no número de habitantes, o goberno local conseguiu mellorar considerablemente a situación económica herdada dos socialistas. “Ao longo dos 12 últimos anos conseguimos incrementar a nosa capacidade de autofinanciamento nun 120,88%. Os dereitos recoñecidos de financiamento pasaron de 2.337.839,39 euros no 1999, a 5.163.835,61 euros no 2011. A consecuencia inmediata disto -xunto co plan de saneamento iniciado hai tres anos -e co que conseguimos entre outras cousas aumentar os ingresos a pesares de perder poboación-, deu como froito unha redución da débeda viva no 2011 de 90,81 puntos porcentuais con respecto ao ratio herdado do anterior equipo de goberno socialista, que fora do 165,21% a mediados do ano 1999, algo que supón un avance substancial no saneamento das contas públicas municipais, sobre todo tendo en conta o contexto de crise económica actual.”

Exit mobile version