Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade contra da difusión do Síndrome de Alienación Parental

Nota de prensa

O OBSERVATORIO APOIA A CAMPAÑA EN CONTRA DA DIFUSIÓN NA USC DO CHAMADO SÍNDROME DE ALIENACIÓN PARENTAL

O Observatorio da Mariña pola Igualdade apoia a recollida de firmas que a Asociación Enriqueta Otero de Mulleres luguesas en contra da violencia de xénero leva a cabo en contra da difusión, na Universidade Pública, do chamado Síndrome de Alienación Parental (SAP). Dita asociación denuncia que no próximo mes de setembro terá lugar un curso denominado “La custodia compartida en las separaciones y divorcios. Enfoque multidisciplinar”(http://www.usc.es/cultura/uverano25_11.htm) no que se pretende utilizar as aulas públicas da Universidade de Santiago de Compostela para divulgar o chamado Síndrome de Aliencación Parental baixo o nome de “Interferencia Parental”.

O SAP non é máis ca un suposto síndrome segundo o cal, en caso de separación ou divorcio, un dos proxenitores (xeralmente a nai) somete ao/á fillo/a en contra do outro proxenitor logrando deste modo alienar, poñer en contra do pai a ese fillo ou filla. Foi Richard Gardner quen acuñou o termo – a finais dos anos oitenta – e quen co paso do tempo foi introducindo o suposto síndrome na xustiza nos casos de divorcios, custodias de menores, etc. chegando a ter unha gran acollida entre psicólogos/as, avogados/as,…Curiosamente, diagnosticar a presenza do mesmo no/a menor serve para outorgar xudicialmente a súa custodia xeralmente ao proxenitor varón nos procesos de separación ou divorcio onde se discute a mesma. Os efectos automáticos de aceptar a existencia do SAP a un Xulgado son tanto conceder a custodia ao proxenitor chamado alienado como a posibilidade de ameazar con endurecer aínda máis o illamento entre a nai e o/a neno/a “diagnosticado”.

Son numerosas as organizacións internacionais que rexeitan o suposto Síndrome de Alienación Parental, comezando pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Tampouco a Asociación de Psiquiatría de Estados Unidos recoñece o suposto síndrome. Ambas son as dúas organizacións que regulan os sistemas diagnósticos que se utilizan no mundo, razón pola que o SAP non figura nos sistemas de clasificación de enfermidades nin nos manuais diagnósticos dos trastornos mentais. De feito, a Asociación de Psicólogos Americana (APA) sinala no seu traballo “Cuestións e dilemas en violencia familiar” que “o persoal xudicial debe non só ser advertido que o PAS non está recoñecido como un síndrome médico pola AAM (Asociación Ameriana Médica) e pola APA senón que o emprego deste dubiduso síndrome como instrumento, adaptado para quitar a tenencia ás nais, non pode consentirse…”. A nivel estatal, o Consejo del Poder Judicial (2008) elaborou un informe no que se rexeitaba o uso do presunto síndrome pola ausencia de aceptación de dita teoría na comunidade científica.

Dende o Observatorio animamos a todas as persoas que o desexen a firmar o manifesto na seguinte dirección http://actuable.es/peticiones/no-la-difusinn-en-universidad-publica-del-llamado-sindrome e rexeitar, deste xeito, o uso da Universidade Pública para a difusión dunha teoría non recoñecida pola comunidade científica e que se sustenta nunha ideoloxía machista.

Exit mobile version