Nota de prensa
Balseiro Orol subliña que a execución desta obra, aprazada ata finais de agosto para non interferir na campaña de verán, supón a materialización dun compromiso adquirido polo PP para o fomento dos deportes náuticos e o turismo
PORTOS DE GALICIA INVESTIRÁ MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS NA REMODELACIÓN DAS INSTALACIÓNS NÁUTICO DEPORTIVAS DO VICEDO
O Diario Oficial de Galicia fai pública a formalización do contrato coas empresas Marcor Xove, S.L.-Ronautica, S.A. adxudicado en 529.802,05 euros.
A execución destas obras, aprazadas ata finais de agosto para non interferir na campaña de verán, supón a materialización dun compromiso adquirido polo Partido Popular para o fomento dos deportes náuticos e o turismo. Inclúen desde a ampliación do número de prazas de amarre, ata odragado da area para conseguir o calado suficiente para as embarcacións que terán acceso ás instalacións. Ademais modificarase a situación do módulo rachaondas. Coa ampliación prevista dotarase ao porto de máis dun cento de novos puntos de amarre.
A maior parte do financiamento desta actuación chegará de fondos procedentes da Unión Europea xestionados pola Consellería do Mar, e o porcentaxe restante correrá a cargo da Xunta de Galicia quen, unha vez máis, amosa a súa aposta decidida pola potenciación das infraestruturas náutico-recreativas, esenciais para a creación de riqueza nos concellos do litoral e para a consolidación desta actividade deportiva e básica para o impulso do turismo náutico.
O Diario Oficial de Galicia fai público hoxe a formalización do contrato, asinado o pasado 4 de xullo, coas empresas Marcor Xove, S.L.-Ronautica, S.A. e que foi adxudicado en 529.802,05 euros o pasado 31 de maio.