Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP quere que sexa Galiza quen defenda o sector pesqueiro en Bruxelas

Nota de prensa:
O Consello Consultivo avalou a cesión acordada con Madrid pola que será Galicia quen obstente a representación das comunidades españolas en Europa

O GRUPO POPULAR SALIENTA A IMPORTANCIA DE QUE SEXA GALICIA QUEN LIDERE A DEFENSA DO SECTOR PESQUEIRO ANTE O TRANSCENDENTAL DEBATE SOBRE A REFORMA DA POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN

Balseiro Orol subliña que a capacidade e experiencia que dá ser a principal potencia pesqueira do Estado e unha das máis importantes da UE será vital para inducir os cambios necesarios dunha proposta de reforma da PPC que cualifica como “profundamente lesiva para os nosos intereses pesqueiros e para a nosa flota”

Santiago, 14 de xullo de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, salientou a importancia de que sexa Galicia quen lidere en Europa a defensa do noso sector pesqueiro, ante o transcendental debate que terá lugar no vindeiro Consello de Ministros da Unión Europea e no que se abordará a reforma da Política Pesqueira Común.

O deputado popular salientou a “coherencia e responsabilidade” que xustifica a decisión adoptada no pasado encontro entre o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a Presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre. Ambos dirixentes acordaron que Madrid cedera a Galicia a representación das comunidades autónomas españolas no vindeiro Consello Europeo de Ministros, no tocante aos asuntos pesqueiros. Unha delegación que terá efectos durante o presente semestre e que foi avalada onte no Consello Consultivo de Pesca celebrado en Madrid.

REFORMA DA POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN

Balseiro explicou que o Partido Popular sempre defendeu que foran as comunidades marítimas e, en especial Galicia, “polo salientable peso específico do seu sector pesqueiro”, quen forme parte da delegación española en todos os foros europeos nos que se debatan cuestións que afecten ao eido marítimo pesqueiro.

Nesa liña, o propio Grupo Popular rexistrou varias iniciativas parlamentarias para reformar o modelo de representación actual -que se decide por quendas semestrais entre as distintas comunidades autónomas, incluso aínda que non teñan costa-. A “boa sintonía” entre os gobernos de Madrid e Galicia e a “coherencia” coas teses defendidas polo Partido Popular sexa cal sexa a comunidade na que goberne, posibilitan hoxe que Galicia estea presente no vindeiro Consello xunto co MARM na seo da delegación española.

PROPOSTA LESIVA PARA A FLOTA GALEGA

Jose Manuel Balseiro indicou tamén que, en opinión dos populares, a proposta de reforma da PPC que fixo pública a Comisaria Europea “é profundamente lesiva para os intereses da nosa flota”. Nesa liña indicou que entre os aspectos máis negativos da proposta están a continuidade do principio de estabilidade relativa e o mantemento do Rendemento Máximo Sostible para o ano 2015. Ademais, “incorre nunha evidente obsesión polo rigurosidade normativa sobre protección ambiental sen entrar a valorar outros aspectos de grande importancia, como son a incidencia social e económica da futura reforma da política pesqueira común que se vai a aplicar”, manifestou.

O voceiro do Mar do Grupo Popular espera que a presenza de Galicia no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea e a “capacidade e experiencia que nos da ser a administración que representa á principal potencia pesqueira do Estado e unha das máis importantes da UE, sexa vital para inducir os cambios necesarios dunha proposta de reforma da PPC polo momento, moi insatisfactoria”.

Exit mobile version